JAE Intro 2023 | Até o 15/05 | Para grao e máster
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) ofrece 15 programas de formación para estudantes de último ano de grao e máster para promover a introdución á investigación en ciencias do mar dentro do programa de Bolsas JAE Intro do CSIC.
A bolsa terá unha duración de 7 meses consecutivos, cun pago mensual de 600 € (4.200€ en total). Requírese unha nota media mínima (GPA) de grao de 8.00 (ou de 7.00 para a rama de coñecemento de Enxeñería e Arquitectura).
O prazo para presentar a solicitude termina o 15 de maio. Ao final desta páxina pode atoparse máis información sobre o proceso de solicitude.
Por que o IIM?
O Instituto de Investigación Mariñas (IIM-CSIC) é unha opción perfecta para o inicio da túa carreira investigadora. O IIM representa unha das principais institucións de investigación mariña a nivel estatal e forma parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), principal organismo de investigación do país, no top 5 de organismos públicos de investigación europeos e sétimo a nivel mundial.
O instituto ofrece unha contorna de investigación viva e diversa, ideal para introducirse no mundo da ciencia. Somos un centro comprometido co impacto real na sociedade, creando novas redes de colaboración de forma activa grazas ás nosas propias Unidades Estratéxicas de Internacionalización e Transferencia (IACIC) e Cultura Científica (UCC+I).
Traballa connosco e descubre, dende dentro, o mundo da investigación mariña!
Quince plans de formación para iniciarte na investigación
O IIM-CSIC, como institución de investigación mariña dedicada á produción de coñecemento para o desenvolvemento sostible, realiza unha investigación multidisciplinar que responde aos retos globais e ás inquedanzas locais permitindo unha comprensión integral e global dos ecosistemas mariños.
En canto á Convocatoria JAE Intro 2023, atópanse dispoñibles os seguintes proxectos de formación. Convídase as persoas solicitantes a poñerse en contacto cos supervisores e supervisoras correspondentes para obter máis información sobre os seus programas formativos. Os contactos aparecen definidos a continuación:
Grupo: Laboratorio de Biotecnoloxía Acuática
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_0052
Contacto: Josep Rotllant Moragas
Actualmente a maioría de procedementos estandarizados cos que determinar o grao de benestar animal baséanse na observación do comportamento, o estado de saúde e o cumprimento dos criterios de benestar establecidos previamente. Aínda que estes protocolos/procedementos son útiles para avaliar o benestar, a súa implementación á práctica pode presentar dificultades que xa foron reveladas en diferentes estudos científicos.
Un dos principais obstáculos é a subxectividade que implica a avaliación só ao basearse na observación dos animais. Unha posible alternativa para avaliar o benestar animal de forma máis precisa e obxectiva é a utilización de biomarcadores cuantitativos. Estes biomarcadores son moléculas que se poden medir en fluídos biolóxicos, e cuxa concentración varía cando o animal sofre un estado de #estrés ou malestar.
A principal vantaxe dos biomarcadores é que permiten eliminar a subxectividade do avaliador, xa que se poden determinar mediante probas analíticas precisas e estandarizadas. Desta maneira, os biomarcadores cuantitativos preséntanse como unha ferramenta moi valiosa para avaliar o benestar animal de maneira máis rigorosa e precisa, o que podería mellorar a calidade de vida dos animais e garantir unha produción máis sostible. Un destes posibles biomarcadores en invertebrados son os microARNs circulantes (C-miARNs).
O obxectivo deste proxecto de formación é a caracterización dos perfís de expresión dos micro ARN circulantes (C-miARNs) en individuos salvaxes e en domesticados de polbo común mediante técnicas de secuenciación masiva (C-miARNoma) e a avaliación do potencial dos C-miARNs anteriormente caracterizados como biomarcadores cuantitativos para a avaliación do estado de saúde e benestar desta especie.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños & Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión Sostible de Bivalvos
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_1355
Contacto: Juan Herrera & José Babarro
A elevada densidade poboacional nas zonas costeiras de Galicia provoca vertidos de augas residuais que afectan adversamente á calidade das augas das rías e, con iso, ás condicións sanitarias dos bivalvos que aí se cultivan. Son estes organismos filtradores, que bioacumulan os axentes presentes no medio, os que poden chegar a desembocar en problemas de seguridade alimentaria, pero esta condición permitiu tamén o seu uso como sentinelas da contaminación do medio.
Esta estratexia para a monitorización do medio conleva, con todo, as limitacións asociadas ás mostraxes puntuais polas que, por exemplo, non se detectou correlación do efecto que a contaminación por verteduras provoca nas zonas de produción. En cambio, unha monitorización en continuo (ou de alta frecuencia) da carga microbiana contaminante no medio mariño permitiría predicir eventos de contaminación e daría marxe a establecer restricións na recolección, evitando comprometer a seguridade alimentaria.
É por isto que, actualmente, atópase en marcha unha liña de traballo multidisciplinar na que se propón unha proba de concepto dirixida a vincular a contaminación fecal no medio mariño e en bivalvo co obxectivo de buscar que coñecendo a contaminación nestes organismos podamos inferir a contaminación fecal no medio.
A presente oferta de formación encádrase nesta liña. Así, a persoa contratada participaría na caracterización das dinámicas de bioacumulación e eliminación de Escherichia coli en mexillóns en escenarios experimentais que simulen vertidos de augas residuais urbanas nas rías galegas. Para iso realizaránse ensaios experimentais nunha instalación a escala piloto na zona de acuarios do IIM, nos que dosificarán diferentes concentracións ambientais desa bacteria. Os parámetros ambientais monitorizaránse de modo continuo e, periodicamente, analizaránse microbiolóxicamente tanto os animais como a auga na que se atopan. E isto acompañarase por un exame da resposta fisiolóxica e metabólica dos mexillóns. A persoa seleccionada formarase en compañía dun graduado que se atopa realizando nestes momentos a súa tese doutoral no tema e, con estas actividades, preténdese que faga unha primeira aproximación á análise microbiolóxica ambiental e de alimentos, por unha banda, e ao estudo da fisioloxía de bivalvos, por outro, ademais de que adquira coñecemento no deseño de experimentos e nos pormenores e funcionamento de instalacións experimentais a escala piloto.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Química de Produtos Mariños
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_0603
Contacto: Mónica Carrera & Manuel Pazos
Este proxecto formativo céntrase no estudo da diferenza entre a alerxia alimentaria ao peixe e a hipersensibilidade pola presenza de aminas bioxénicas (por exemplo, histamina) nos alimentos. Para iso, mediante técnicas avanzadas de proteómica, baseadas na espectrometría de masas, identificaranse péptidos biomarcadores para a detección de microorganismos que producen aminas bioxénicas en produtos do mar. Estes péptidos biomarcadores utilizaranse posteriormente para o desenvolvemento de biosensores rápidos baseados en técnicas de nanotecnoloxía que permitan unha detección ultrarrápida en alimentos e accesibles para a súa aplicación por parte de calquera usuario, como consumidores e consumidoras, empresas ou administración.
Este plan formativo está incluído actividade do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia (PC-CCMM) do Plan Complementario de Ciencias Mariñas do Ministerio de Ciencia e Innovación, financiado polo MICIN e pola Xunta de Galicia, baixo o título NANOSEAOMICS: “Combinación de técnicas -ómicas y biosensores nanotecnológicos para la detección de riscos biolóxicos nos produtos do mar" (01/10/2022-30/09/2025).
O plan desenvolverase no grupo de Química de Produtos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) baixo a dirección da Dra. Mónica Carrera e o doutor Manuel Pazos, en colaboración co grupo de Microbioloxía e Nutrición da Universidade de Santiago de Compostela (D. Pilar Calo-Mata e doutor Jorge Barros-Velázquez) e co grupo de Nanotecnoloxía do International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL, Braga, Portugal) pola Dr. Marta Prado.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria. Preferentemente contarán cun grao en Bioloxía, Biotecnoloxía, Bioquímica, Química ou similar
Grupo: Ecoloxía e Recursos Mariños
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_0870
Contacto: Jorge Hernández Urcera
A persoa seleccionada terá a oportunidade de abordar diferentes aspectos da ecoloxía dos cefalópodos, unha clase de animais cunha excepcional capacidade para desenvolver unha ampla gama de comportamentos. Moitos destes comportamentos, que xogan un papel clave na ecoloxía destas especies, xa foron descritos grazas principalmente a experimentos realizados en catividade, pero moitos outros están á espera de ser descubertos pola ciencia.
Recentemente, a ciencia cidadá adquiriu un papel fundamental para abordar cuestións de investigación inalcanzables a través de proxectos científicos convencionais. Aproveitando esta nova xanela de investigación, potenciamos e aumentamos exponencialmente a nosa capacidade de conseguir material audiovisual (vídeo/fotografía) co que explorar comportamentos de cefalópodos que permanecen ocultos no ámbito mariño. Actualmente contamos coa colaboración de varios científicos-cidadáns, principalmente persoas que mergullan de xeito recreativo, profesional ou para realizar fotografía submarina, que nos proporcionan material audiovisual de alto valor científico para tratar de explicar interesantes comportamentos de sepias, polbos e luras.
Por medio da curación e tratamento destes datos, a persoa en formación abordará diferentes aspectos da ecoloxía e o comportamento destas especies, como a cópula, a depredación, a alimentación e as relacións interespecíficas. O obxectivo do plan de formación é a análise de toda esta información para situala nun contexto ecolóxico, podendo así definir as estratexias utilizadas por estes animais para sobrevivir nun medio tan hostil. Así mesmo, participará en actividades de laboratorio relacionadas con análises xenéticas, histolóxicas e parasitolóxicas.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Ecoloxía e Recursos Mariños
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_0328
Contacto: David Villegas Ríos
A telemetría acústica permite o seguimento de animais a escalas de tempo longas, permitindo a recollida de datos de comportamento a nivel individual. Esta información é crucial para entender aspectos ecolóxicos (cambios demográficos), evolutivos (selección por pesca, adaptación a cambio climático) e de conservación (tempo dentro e fóra de reservas mariñas). Nesta linea de investigación, a persoa candidata poderá explorar diversos temas como movementos de peixes en alta resolución, variación individual en comportamento en diferentes especies, a importancia de comportamento espacial en conservación, o uso de telemetría acústica para entender comportamento reprodutivo no medio natural etc. A persoa candidata terá acceso a datos xa existentes de varias especies de teleósteos, raias e quenllas, e novos datos que se poderán recoller durante a estancia. Ademais poderá participar e aprender en labores de traballo de campo como instalación e mantemento de receptores acústicos, marcado de peixes con emisores de telemetría etc. Adicionalmente, poderá tamén recibir formación básica sobre técnicas estatísticas e de procesamento de datos de telemetría acústica.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Valorarase estar familiarizado con procesado e análise de datos en R, principalmente con modelos de regresión lineal.
Grupo: Procesos Oceánicos en Cambio Global
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_1260
Contacto: Carmen González Castro & Francisco Gómez Figueiras
Aproximadamente a metade de toda a produción primaria do globo ten lugar no océano, onde o fitoplancto ou conxunto de algas microscópicas que flotan libremente na superficie do mar, son as principais responsables da fixación fotosintética de carbono. A produción de osíxeno e materia orgánica fotosintetizada vén condicionada pola estrutura e composición da comunidade fitoplanctónica.
Así, coñécese que o fitoplancto de pequeno tamaño domina en zonas oligotróficas do océano, onde a fixación de carbono atópase limitada pola dispoñibilidade de nutrientes e a materia orgánica fotosintetizada destínase ao mantemento da comunidade planctónica microbiana. Nestas augas, a comunidade microbiana tende cara ao balance metabólico entre produción e respiración, debido á baixa produción primaria e a relativa maior importancia da respiración bacteriana. Pola contra, en zonas costeiras, a elevada dispoñibilidade de nutrientes permite altos niveis de produción primaria, atribuíbles ao fitoplancto de maior tamaño. Estas zonas adoitan presentar un balance metabólico netamente autotrófico e con exceso de materia orgánica, potencialmente transferible a niveis tróficos superiores. Con todo, esta dicotomía falla a escalas máis pequenas, dada a elevada variabilidade ambiental moi especialmente en zonas de afloramento costeiro.
Os episodios de afloramento e relaxación típicos introducen unha gran variabilidade na achega de nutrientes, determinando que a comunidade planctónica microbiana fluctúe entre a propia de mares oligotróficos e a de mares eutróficos, pasando por diferentes situacións posibles entre estas dúas extremas. No afloramento do Noroeste da Península Ibérica varios estudos mostran a existencia dunha gran variedade de comunidades planctónicas microbianas asociadas a diferentes condicións ambientais. Con todo, case todos estes estudos están dirixidos a caracterizar a variabilidade temporal.
Neste estudo propónse determinar a variabilidade espacial, mediante observacións con dúas boias de deriva; unha lanzada preto da costa, onde a achega de nutrientes é elevada e outra seguindo a auga oceánica con poucos nutrientes. En ambos os ambientes caracterizarase a estrutura, composición e metabolismo das comunidades planctónicas microbianas.
O Dr. Francisco G. Figueiras colaborará na dirección deste traballo con potencialidade de TFG ou TFM.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Patobioloxía Molecular Mariña
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_1248
Contacto: Camino Gestal Mateo, Sonia Dios Vidal & María del Mar Costa Portela
O polbo común, Octopus vulgaris, é parte dunha rama evolucionada de moluscos e é amplamente utilizado como modelo animal invertebrado en diversas disciplinas, incluídas as neurociencias. Ademais, é unha especie comercialmente importante cun alto potencial para a diversificación da acuicultura.
Para protexer este importante recurso pesqueiro en Galicia, actualmente sobreexplotado, impulsar a bioeconomía mediante un uso máis eficiente dos recursos vivos e abastecer a forte demanda do mercado, é necesario desenvolver unha acuicultura eficiente e sostible que garanta o benestar animal. Para iso, unha das prioridades é a prevención de enfermidades e o aumento da súa capacidade de loita contra patóxenos e agresións externas como estratexia para mellorar a súa saúde e benestar.
O principal obxectivo desta proposta formativa é identificar as moléculas responsables da resposta inmune implicadas na loita contra enfermidades e axentes non propios no polbo común e entender como de complexa é dita resposta. Esta aproximación permitirá establecer novas estratexias para mellorar a súa saúde e benestar en condicións de mantemento en acuario e cultivo.
As actividades para realizar na presente proposta centraranse tanto en estudos moleculares de secuenciación masiva (transcriptómicos de célula única e proteómica) como funcionais para a caracterización das células (hemocitos) e as proteínas do plasma da hemolinfa do polbo común tras a exposición dos individuos a axentes non propios.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria. Valorarase experiencia en xenómica e bioinformática.
Grupo: Patobioloxía Molecular Mariña
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_0662
Contacto: Sonia Dios Vidal, María del Mar Costa Portela & Camino Gestal Mateo
O obxectivo da formación que se propón é avaliar o impacto da ondada sobre un recurso natural clave como é a ameixa rubia nas Rías Baixas, baixo o contexto de cambio climático.
A cría de moluscos en Galicia ten un alto impacto socioeconómico tanto directo como indirecto a través das actividades relacionadas. Neste sentido, a interacción entre as correntes de mar aberto e a ondada costeira pode ter un impacto significativo no caso das ameixas, xa que o fondo mariño onde se cultivan estes moluscos pode verse significativamente perturbado. Como consecuencia, as ameixas poderían estresarse o suficiente como para facer fronte a calquera ameaza ambiental adicional.
Para establecer a relación entre a forza da ondada e a condición inmune das ameixas, levarase a cabo unha avaliación da resposta celular ao estrés (expresión de xenes de resposta inmune e análise de estrés oxidativo) en ameixas procedentes dun banco marisqueiro natural e en condicións experimentais de laboratorio. Ademais, realizarase unha análise histolóxica para a avaliación de alteracións patolóxicas e/ou da presenza de patóxenos, principalmente para a presenza e número de colonias de rickettsias, que viven de forma natural en colonias intracelulares nas branquias das ameixas, pero que poden sufrir un crecemento exacerbado en condicións adversas.
O laboratorio conta con todo o equipamento necesario para levar a cabo as tarefas propostas e tamén con servizos específicos dentro do IIM como a unidade de Monitoreo e Observación do Medio Mariño (para a mostraxe de campo), o servizo de Citometría de Fluxo (para a análise do estrés oxidativo) e o servizo de Historia Vital (para os procedementos histolóxicos).
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Patobioloxía Molecular Mariña
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_0779
Contacto: María del Mar Costa Portela, Sonia Dios Vidal, & Camino Gestal Mateo
O cultivo de moluscos bivalvos constitúe a principal contribución á acuicultura en Galicia. Con todo, para poder mellorar a calidade dos cultivos e garantir unha produción tanto acuícola como marisqueira sostible, faise necesario abordar cada unha das etapas do desenvolvemento destes organismos, estudando os principais parámetros fisiolóxicos e metabólicos que poidan estar implicados no seu ciclo reprodutivo, optimizando as condicións que permitan obter postas de calidade e asegurar así, a continuidade dos cultivos.
O principal obxectivo desta proposta é a identificación de moléculas que poidan actuar como biomarcadores de reprodución en tres das especies de moluscos máis comercializadas en Galicia: o mexillón mediterráneo, Mytilus galloprovincialis, a ameixa fina, Ruditapes decussatus, e a ameixa babosa, Venerupis corrugata. As principais actividades a realizar na presente proposta centraránse na análise de mostras procedentes de diferentes estadios de desenvolvemento gonadal e na procura de xenes expresados de maneira diferencial en cada unha delas, co obxectivo de seleccionalos como biomarcadores do estado gonadal destes organismos.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria. Valorarase experiencia en bioloxía molecular e en acuicultura de moluscos bivalvos.
Grupo: Química de Produtos Mariños
Área: Vida Referencia de la oferta: JAEINT23_EX_0058
Contacto: Lucía Méndez López
Os lípidos da dieta exercen un papel determinante na progresión da inflamación e o envellecemento cerebral. A investigación actual sobre o papel dos alimentos de orixe mariña na saúde mental céntrase no consumo de lípidos de orixe mariña, especialmente ácidos graxos poliinsaturados omega-3 (PUFA n-3), para mellorar a inflamación, o estrés oxidativo e o envellecemento das células inmunitarias.
A nosa liña de investigación sobre "Biomarcadores dietéticos para un envellecemento saudable" ten como obxectivo comprender o efecto beneficioso que as dietas ricas en produtos de orixe mariña poden exercer durante o envellecemento, con especial énfase no seu efecto sobre a neuroinflamación e, por tanto, sobre o envellecemento cerebral e as enfermidades asociadas a este.
O proxecto de formación do candidato suporá unha inmersión nas aplicacións de cromatografía líquida acopladas a espectrometría de masas para abordar a influencia das dietas ricas en graxas de orixe mariña sobre a formación de mediadores lipídicos oxidativos, compostos con potencial para resolver a inflamación no cerebro de animais de experimentación procedentes de modelos de envellecemento.
A persoa candidata formarase en diversas metodoloxías baseadas en Espectrometría de Masas de última xeración e integrarase nun grupo interdisciplinar de persoas con formación en química e bioquímica combinada coa clínica. O grupo proporcionará ao candidato ou candidata as condicións para levar a cabo o seu plan de formación e actividades de investigación, nun ambiente de traballo e cooperación positivo e agradable.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Fotobioloxía e Toxinoloxía do Fitoplancto
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_0539
Contacto: Jose Luis Garrido Valencia
O xénero Karenia comprende doce especies de dinoflagelados espidos, varias das cales causan episodios tóxicos, especialmente en Florida (EEUU), Xapón, e recentemente nas costas de Galicia. A transmisión trófica das súas toxinas asóciase a mortaldades de peixes, aves, tartarugas e mamíferos mariños, podes coñecer máis información no blog de Fitopasión.
As especies do xénero Karenia poden crecer a intensidades lumínicas baixas pero tamén proliferar ata altas densidades celulares (coñecidas como mareas vermellas) baixo as elevadas irradiancias da superficie mariña. Esta capacidade podería relacionarse coa súa singular composición pigmentaria, denominada do Tipo 2 [sensu Zapata et al.] e presente exclusivamente en especies deste xénero, que inclúe sete carotenoides con cromóforo fucoxantina, dos cales tres non foron identificados. A interconversión de fucoxantina e os seus derivados cetónicos e/o aciloxados relacionouse coa aclimatación a diferentes intensidades e calidades de luz noutra especie formadora de proliferacións.
Neste plan de formación propoñemos a caracterización estrutural completa dos carotenoides do aparello fotosintético de Karenia. Para iso, examinarase a composición de K. brevis, K. selliformis e K. mikimotoi mediante HPLC e elixirase a especie que combine as mellores características de crecemento e contido en xantofilas de interese, da que se realizarán cultivos masivos. Os pigmentos extraeránse e purificaránse a partir da biomasa obtida e a estrutura dos carotenoides illados elucidaráse mediante análises espectroscópicas de RMN, MS e HR-MS.
A persoa seleccionada familiarizaráse con todas as etapas do traballo de investigación (exploración bibliográfica, traballo experimental, interpretación de espectros e redacción de resultados) e, en particular, iniciaráse en técnicas e procedementos de cultivo de microalgas, microscopía, traballo de laboratorio con pigmentos fotosintéticos, HPLC analítica e preparativa, HPLC-MS, preparación de mostras de RMN a microescala, e interpretación de RMN 1D e 2D (COSY, NOESY). Un estudo similar ao que se propón pódese atopar en nesta ligazón de Digital.CSIC.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Procesos Oceánicos en Cambio Global
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_1249
Contacto: Miguel Gil Coto
Baixo o proxecto de investigación do Plan Estatal STRAUSS ("Effects of Ocean Waves in the Rías Baixas Upwelling System: surface dynamics on selected biological case studies") dentro do grupo de investigación desenvolveuse un prototipo de boia de ondada baseada en IMUs (Inertial Measurement Unit) e GPS, todo iso con hardware (Arduino) e software (Python) en aberto.
Neste plan de formación preténdese formar á persoa implicada no uso de Python para desenvolver algoritmos clásicos de cálculo de parámetros de ondada a partir dos datos colleitados cos prototipos. Por tanto, a persoa seleccionada aprenderá en profundidade a matemática, e simplificacións apropiadas para estimar a ondada imperante desde as aceleracións rexistradas pola boia. Posteriormente, os diversos algoritmos serán implementados en Python e, finalmente, comparados con observacións provenientes doutros instrumentos. É un proxecto moi aplicado e cun obxectivo claro, obter unha formación en sistemas de observación baratos con ferramentas de uso aberto como a plataforma Arduino e a linguaxe de programación Python.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Biosistemas e Enxeñaría de Bioprocesos
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_1066
Contacto: Miriam Rodríguez García
A “microbioloxía preditiva” é unha disciplina centrada no modelado matemático de dinámicas de microorganismos de relevancia para a calidade e seguridade alimentaria. Mentres as estruturas matemáticas son coñecidas (ver por exemplo o modelo de Baranyi), a calibración destes modelos con datos experimentais presenta unha serie de dificultades que deben abordarse usando conceptos de estimación e identificación de parámetros para sistemas non lineais que vimos estudando no noso grupo desde hai anos.
Nestes meses de formación estudarase como a alta incerteza/variabilidade nos datos experimentais de crecemento e inactivación bacteriana impacta na incerteza das predicións dos modelos matemáticos. Esta análise permitirá responder ás seguintes preguntas de alta relevancia para o desenvolvemento da microbióloga preditiva:
- Podemos predicir o crecemento bacteriano en alimentos a partir de modelos matemáticos calibrados usando datos experimentais estándar de curvas de crecemento e inactivación suxeitos a unha alta incerteza/variabilidade?
- Podemos definir cotas á incerteza nos experimentos para asegurar predicións útiles?
- Cales son os mellores métodos para calibrar modelos de dinámicas bacterianas con datos suxeitos a alta variabilidade?
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Procesos Oceánicos en Cambio Global
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_1317
Contacto: Nicolas Villacieros Robineau | Paula Conde Pardo
A grande biodiversidade dos ecosistemas dos fondos das rías galegas está determinada polas súas condicións oceanográficas. Por iso, é importante realizar estudos que permitan aumentar o coñecemento sobre as relacións entre a dinámica e a bioxeoquímica das rías. Neste senso, esta JAE Intro inclúe dúas actividades:
- O estudo do efecto da ondada na distribución xeográfica de distintas especies de alto valor ecolóxico e socio-económico como os bivalvos, e
- A implementación dun novo sistema de observación para contribuír ao estudo dos cambios de osíxeno na zona interna da Ría de Vigo.
Dentro da actividade (1) integraranse os datos espaciais de distribución de especies mediante un sistema de información xeográfica (SIG), analizaranse saídas de modelos de ondas previamente validadas con medidas instrumentais, e levarase a cabo unha análise entre os padróns de distribución e os niveis de enerxía das ondas para cada especie ou hábitat seleccionado.
O resultado será un atlas sobre a bioxeografía destes ecosistemas bentónicos en relación ás características da ondada. A actividade (2) desenvolverase dentro do proxecto ProCoast (Programa de Ciencias Mariñas de Galicia) e traballarase na posta a punto dun perfilador tipo Argo. Esta actividade inclúe a familiarización co software do instrumento, a programación do modo e frecuencia de recollida de datos, os test de funcionamento na Ría de Vigo e o tratamento dos datos de salinidade, temperatura e osíxeno disolto que se obteñan durante os devanditos test.
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Grupo: Laboratorio de Xeoquímica Orgánica
Área: Vida Referencia da oferta: JAEINT23_EX_1332
Contacto: Juan Severino Pino Ibáñez
Os radioisótopos atópanse de forma natural nas rochas e nos sedimentos, polo que as augas en contacto con estes compartimentos están naturalmente enriquecidas nestes compostos. Así, os radioisótopos pódense utilizar como trazadores para o estudo de diversos aspectos difíciles de identificar pero relevantes para a oceanografía costeira, como a descarga de augas subterráneas, a circulación costeira, o acoplamento bentónico-peláxico e a reactividade bioxeoquímica.
Enmarcado nos proxectos UNDERGROUND (Programa de Ciencias Mariñas de Galicia) e INTEGROUNDS (Plan Estatal 2021-2023), financiados recentemente, desenvolveremos un sistema de medición continua de radioisótopos que servirá para realizar determinacións durante a navegación pola costa da ría de Vigo. O sistema permitirá medir estes compostos cunha alta resolución espacial nunca antes realizada na costa atlántica española. Os resultados destas mostraxes permitirán identificar as zonas afectadas pola vertedura de augas subterráneas e a intensa interacción sedimento-auga, permitindo ademais obter nova información sobre a circulación costeira nas zonas pouco profundas da ría. A recollida paralela de mostras discretas para a análise de compostos ambientalmente significativos como osíxeno, nutrientes, metais, materia orgánica e gases de efecto invernadoiro, permitirá avaliar o impacto da interacción continente-océano na fertilización, acidificación e contaminación na ría de Vigo.
A persoa seleccionada participará na construción do sistema de medición de radioisótopos e na toma de mostras. Deste xeito, adquirirán competencia na xestión e manipulación de equipos de medida de radioisótopos e na súa aplicación na oceanografía costeira. Tamén participará nunha toma de mostras pola ría de Vigo onde realizará a recollida e procesamento de mostras para a súa posterior análise no laboratorio. Finalmente, adquirirán competencia na análise e interpretación dos resultados obtidos mediante a utilización de modelos de caixas e balances de masa, participando na xeración de resultados inéditos na zona de estudo que serán difundidos na comunidade científica mediante a súa publicación en revistas especializadas. . .
Requisitos: As persoas solicitantes deben estar a cursar un título de Grao ou Máster e cumprir con todos os requisitos contemplados na convocatoria.
Todo o procedemento debe realizarse a través da Sede Virtual do CSIC e a Aplicación Convocatoria (incluída na propia Sede).
As persoas candidatas deberán rexistrarse, achegar a información e documentación necesaria para acreditar os seus coñecementos e seleccionar unha Área Global para a súa solicitude antes do 15 de maio de 2023.
Todas os plans de formación do IIM-CSIC poden atoparse na área Vida. O código para cada oferta pódense atopar no despregable superior nesta páxina.
Que pasa tras a solicitude?
- Revisión | 1-2 semanas: Unha vez realizada a solicitude comprobaráse se todo está en orde e a candidatura é elixible para a convocatoria.
- Corrección | 10 días hábiles: As solicitudes excluídas poden achegar nova documentación e alegacións para ser elixibles. Publícase a lista definitiva de persoas admitidas. Ábrese un prazo de alegacións.
- Avaliación | 1-2 semanas: Asignaráselles unha puntuación a todas as solicitudes admitidas.
- Proposta de resolución provisional (PRP): Aquelas persoas con maior puntuación recibirán un "Acordo de Incorporación", é dicir, unha invitación para ser persoa beneficiaria dunha bolsa JAE Intro 2023, ata cubrir a cota das bolsas. As persoas seleccionadas deberán escoller a oferta da súa preferencia na área á que se presentaron. As non seleccionadas entrarán en reserva.
- Proposta de resolución definitiva (PRD): Ábrese un prazo de 15 días para que as persoas seleccionadas contacten cos seus potenciais supervisores e supervisoras para definir o seu plan de formación. As persoas que recibisen un Acordo de Incorporación deberán envialo especificando o plan de formación seleccionado asinado tanto pola persoa solicitante como pola persoa que supervisará o plan de formación.
Para máis información, convidamos as persoas candidatas a consultar a información ofrecida polo Departamento de Posgraduado e Especialización do CSIC nas súas redes. Máis información tamén dispoñible na Sede do CSIC e nos botóns amarelos situados no lateral desta páxina.