Planta Piloto
No IIM, temos o compromiso de proporcionar ao sector industrial tecnoloxías innovadoras e novos procesos. Porén, non sempre é doado levar o coñecemento que xeramos máis aló dos nosos laboratorios.
O escalado é un paso chave para transformar o noso coñecemento en dispositivos e protocolos útiles para o sector, pois os procesos a menor escala en condicións de laboratorio poden ter un comportamento ou un rendemento distinto a escalas máis grandes. A Planta Piloto é unha infraestrutura singular do IIM que proporciona reactores de media e grande escala, centrífugas, mesturadores e outros dispositivos habitualmente utilizados nas plantas de fabricación.
Esta instalación pioneira, creada en 1973 para investigar sobre alimentos enlatados, permite ao noso persoal investigador e técnico levar á práctica o seu traballo en condicións semellantes ás reais. Aquí poden purificar bioprodutos e estudar sistemas e procesos biolóxicos, ao tempo que melloran a súa credibilidade de cara ao sector produtivo e transformador e amplían o alcance do seu impacto.
A continuación podes ver os grupos que adoitan traballar na Planta Piloto, xunto coas súas capacidades, liñas de investigación e sectores de innovación.