SÍGUEO POR STREAMING 

(enlace dispoñible no día da transmisión)

Os “Encontros Espresso" son un formato de charlas que se veñen realizando no IIM-CSIC co obxectivo de coñecernos mellor entre nós,coñecer mellor a actividade que se realiza no noso centro e explorar o mundo da ciencia mariña, fomentando a discusión científico-técnica e reforzando vínculos entre grupos onde pode participar tanto o persoal investigador como técnico para compartir o seu traballo, experiencias e resultados.

Son eventos pensados especialmente para o noso persoal, pero todo o mundo está convidado a unirse a través da nosa emisión por streaming.

Este novo formato celebrarase cada dúas semanas, ás 10:00 horas no Salón de Actos do  IIM-CSIC irán acompañados con café de cortesía ("Espresso") para favorecer o bo fluír da comunicación.

Desta vez encontrámonos coa nosa compañeira, Laura Guerrero Peña, Investigadora predoutoral do Laboratorio de Biolotecnoloxía Acúatica.

Adaptacións morfolóxicas e patróns de expresión xenética na migración do ollo de peixes planos.

Os depredadores dependen en gran medida das súas capacidades visuais para detectar e rastrexar con precisión ás súas presas. Como resultado diso, algunhas especies desenvolveron adaptacións únicas na súa morfoloxía e sistema visual, aumentando a eficiencia no seu comportamento de emboscada. Os peixes planos son un exemplo diso; estes peixes son simétricos e peláxicos ao nacer, pero experimentan unha serie de cambios morfolóxicos que lles permiten vivir como xuvenís bentónicos. Entre os moitos cambios que experimentan, inclúese a migración dun ollo cara ao outro lado do corpo. No noso estudo, levamos a cabo unha análise transcriptómico do ollo que migra e do que non migra en tres estadios cruciais da metamorfose do rodaballo co propósito de atopar diferenzas de expresión xénica entre ambos os ollos. Os nosos datos revelaron un patrón de expresión único para o xene da ependimina (epd), un xene con funcións na memoria, rexeneración e plasticidade neuronal. Para investigar máis a fondo o potencial papel do xene epd, creamos mutantes knockout en peixes cebra e examinamos a rexeneración axonal despois dunha lesión no nervio óptico, comparando o fenotipo en peixes salvaxes e mutantes. Desta maneira, exploramos a posible correlación da asimetría do nervio óptico e a migración dun dos ollos en peixes planos coa sobreexpresión obtida do xene epd no ollo que migra durante o clímax da metamorfose.

Laura Guerrero Peña

Graduada en Bioloxía pola Universidade de Granada, cun Máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética na Universidade da Coruña. Actualmente está a realizar a súa tese doutoral financiada por unha bolsa FPI no Grupo de Biotecnoloxía Acuática no Instituto de Investigacións Mariñas, estudando a rede reguladora de xenes que fan posible a remodelación metamórfica en peixes planos.

O traballo que vai presentar Laura nesta sesión de Encontros recibiu o Premio á mellor presentación oral dentro do XIV Congress of Iberian Association of Comparative Endocrinology – AIEC2023.

More