Comité de Ética e Integridade Científica
Para que a ciencia que se produce no IIM-CSIC teña un impacto positivo, garantindo a súa calidade e excelencia, é preciso contar coa responsabilidade e conduta íntegra de todas as persoas que interveñen no proceso científico.
Tal e como se defende no Portal de Ética e Integridade Científica do CSIC, a integridade na investigación implica a vixilancia e promoción dos principios éticos e as responsabilidades profesionais no exercicio da investigación, que inspiran e garanten as boas prácticas científicas.
Aínda que seguen a ser difíciles de definir, os conceptos de "ética" e "integridade" na ciencia están modelados por unha variedade de mandatos e acordos entre diferentes individuos e institucións en todo o mundo.
O Comité de Ética e Integridade Científica (tamén coñecido como CIEC) traballa no IIM-CSIC seguindo as directrices proporcionadas pola Declaración Nacional de Integridade Científica (2015; asinada pola COSCE, a CRUE e o CSIC) e polo Código de Boas Prácticas Científicas do Consello (2021) para asegurar a integridade do noso traballo e evitar condutas indebidas que atenten contra a imparcialidade e fiabilidade dos nosos resultados, impidan o debido recoñecemento do traballo das nosas compañeiras e dos nosos compañeiros e freen o progreso da investigación científica e o seu impacto na sociedade, esforzándose por garantir que ninguén fica atrás.
Ademais de manter a "integridade científica", o noso traballo tamén pretende ser "ético", dentro do eido da bioética. A bioética no CSIC implica actuacións en catro áreas principais: a investigación con seres humanos ou con mostras ou datos sobre eles; a investigación con animais; a investigación con organismos modificados xeneticamente (OMG) e a investigación con axentes biolóxicos que poidan supor un risco para a sociedade e para o medio ambiente. Xunto co noso Comité de Bioseguridade, o Comité de Ética e Integridade do IIM-CSIC traballa para velar por estes asuntos éticos, dende o respecto á condición, dignidade e autonomía humana e a protección e confidencialidade dos datos persoais ata a protección do benestar animal e a seguridade e sustentabilidade do medio ambiente e dos seres que o habitan.
O Comité conta co apoio do Comite de Ética do CSIC, órgano colexiado que presta apoio á Presidencia do CSIC dende 2013, dando cumprimento ao artigo 17 do Estatuto da Axencia Estatal do CSIC.
Bilingüe en castelán e inglés. Código aprobado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que describe un conxunto de boas prácticas científicas.
Dispoñible só en castelán. Breve documento publicado polo Comité de Ética do CSIC onde se reflexiona sobre os problemas que xorden ao tentar establecer e comunicar a autoría dunha publicación multidisciplinaria.
O documento expón o problema e ofrece unha serie de recomendacións.