Procesos Oceánicos en Cambio Global
Segundo o IPCC (2019), dende os anos 70, os océanos absorberon máis dun 90 % do exceso de calor do sistema terrestre; do mesmo xeito, absorberon entre un 20 % e un 30 % do CO2 emitido pola humanidade á atmosfera dende a década dos 80.
Un estudo exhaustivo dos procesos mediados polo océano é fundamental para entender, vixiar e mitigar os efectos do cambio global.
No Grupo de Investigación sobre Procesos Oceánicos en Cambio Global, aplícase un enfoque multidisciplinario á oceanografía dende un punto de vista físico, químico e biolóxico. O grupo aborda a observación, experimentación e modelaxe das probas e dos impactos do quecemento, acidificación, fertilización e desosixenación dos ecosistemas mariños en resposta ao cambio global, tanto na costa noroeste da Península Ibérica como nos océanos que a arrodean.
Por unha banda, o grupo estuda os procesos biolóxicos e xeoquímicos mariños, con especial énfase nos sistemas de afloramento costeiros, particularmente no sistema Ibérico-Illas Canarias, e na evolución termohalina e química das masas de auga oceánicas. Tamén se atopa inmerso no estudo da caracterización biolóxica e bioquímica do fitoplancto, a produción de toxinas por parte do fitoplancto e a dinámica das comunidades microbianas nuns océanos tan cambiantes coma os nosos.
Por outra banda, explora os intercambios entre a atmosfera, os océanos e o medio terrestre, así como os efectos da sociedade humana sobre o medio mariño e o clima. Dentro deste ámbito, o grupo estuda o papel dos océanos na disolución do exceso de CO2 atmosférico e a acidificación oceánica como unha das súas consecuencias principais. Tamén investiga os intercambios de sedimento entre o substrato e a columna de auga, así como as súas implicacións para os procesos de rexeneración tanto do leito mariño (zona bentónica) como da propia columna de auga (zona peláxica).