Inmunoloxía e Xenómica
Afondar na comprensión dos procesos relacionados coas enfermidades, sistemas inmunitarios e expresión xénica dos organismos mariños é esencial para o desenvolvemento dun sector acuícola máis sostible e rendible.
Ademais, pode ofrecer á sociedade un amplo corpo de coñecemento e un conxunto de tecnoloxías que poden mesmo ter impacto sobre a saúde humana.
Os estudos levados a cabo polo grupo de Inmunoloxía e Xenómica do IIM-CSIC céntranse nas bases moleculares da resposta inmunitaria fronte aos patóxenos en peixes e moluscos de acuicultura, a súa transcriptómica e a súa proteómica, prestando especial atención ás respostas inmunitarias innatas nestes organismos e ás súas potenciais aplicacións biotecnolóxicas en saúde animal e humana, así como na optimización de procesos en acuicultura.
O grupo pretende identificar xenes que poidan utilizarse como biomarcadores en procesos de selección xenética, ademais de para mellorar a resposta inmunitaria mediante o uso de inmunoestimulantes e vacinas. O seu principal obxecto de investigación son os mecanismos chave da resposta inmunitaria innata, como os péptidos antimicrobianos (PAM), os procesos inflamatorios relacionados coas citoquinas ou as actividades antivíricas e antibacterianas, para o estudo das cales empregan técnicas inmunolóxicas, microbiolóxicas, de bioloxía molecular e de bioquímica de proteínas. O uso do peixe cebra (Danio rerio) para estudar tanto as enfermidades dos peixes como as humanas é tamén unha característica principal do traballo de investigación do grupo.
En colaboración con outros servizos científicos e tecnolóxicos (ver máis abaixo), o grupo é responsable do Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermidades de Moluscos Bivalvos (LNREMB), que leva a cabo a súa labor no marco deste grupo de investigación. En 2011, recibiu a acreditación conforme á norma ISO 17025 para diversas técnicas diagnósticas de patóxenos en moluscos. Este servizo responde directamente ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).