Reciclado e Valorización de Residuos
Pechando o ciclo: novas cadeas de valor inspiradas no concepto de biorrefinería mariña.
Ao longo da cadea de valor dos produtos do mar, as diversas transformacións sufridas polos produtos xeran refugos que normalmente se desbotan. Dar unha nova vida aos materiais que hoxe en día se consideran refugallos é un camiño chave cara á sostibilidade real.
O Grupo de Investigación en Reciclado e Valorización de Residuos (ReVal) traballa para desenvolver, optimizar e escalar novos procesos orientados a engadir un novo valor aos efluentes e subprodutos de diversos sectores da industria alimentaria, tales como o dos produtos do mar, a acuicultura e a pesca ou a industria agroalimentaria.
Para isto, o grupo inspírase no concepto de "biorrefinería mariña". Este concepto busca optimizar o número e a calidade dos produtos que poden xerarse a partir de materiais orgánicos procedentes do mar. Xelatinas, cartilaxe, hidrolizados de proteínas de peixe, peptonas mariñas, condroitín sulfato, derivados da quitina ou bioapatita son soamente algúns dos produtos con valor engadido que o grupo é quen de obter.
Ademais, o potencial dos microorganismos para produciren compostos biotecnolóxicos é unha ferramenta chave para ReVal, xa que poden usarse en procesos de bioconversión para producir probióticos, bacteriocinas, ácido láctico, encimas, astaxantina ou ácido hialurónico en distintos procedementos e en diversos tipos de operación, optimizando ademais as etapas de separación e purificación de metabolitos microbianos.
Outro gran paso cara á sustentabilidade, impulsado por este grupo mediante a experimentación con microorganismos, é a biorremediación microbiolóxica de verteduras de petróleo en medios mariños. O grupo investiga a aplicación de dispersantes e axentes de limpeza costeira para eliminar o petróleo adherido á superficie das rochas, unha medida de remediación que pode aplicarse en condicións seguras dende o punto de vista ecotoxicolóxico e medioambiental.
O grupo estuda tamén a aplicación do modelado matemático, tanto mecánico como empírico, en distintas estratexias relacionadas con procesos químicos e biolóxicos. Grazas ao seu exhaustivo coñecemento sobre as interaccións e transformacións dentro dun sistema, o grupo pode modelar o crecemento encimático, microbiano e animal e as respostas bioactivas, así como complexas relacións entre dose e resposta.