Escrito por Marta López Mozos, investigadora predoutoral de Procesos Oceánicos en Cambio Global (colab.: Jaime Amaro Blanco).

[Artigo da iniciativa Lanternas da Ciencia, producido polo IIM-CSIC e publicado hoxe no Faro de Vigo]

Seguro que escoitaches que a temperatura do planeta está aumentando. Termos como cambio climático, quecemento global ou efecto invernadoiro son cuestións cotiás dende hai anos. Aínda que nos poida parecer estraño, a comunidade científica non coñecía estes termos ata hai algo máis dun século. De feito, o inicio ou orixe dos coñecementos que actualmente temos sobre o clima foi realizado por unha sufraxista e científica decimonónica de curta idade cuxo perfil, como o de moitas outras, quedou á sombra dos descubrimentos posteriores realizados, nesta ocasión si, por colegas científicos.

A primeira evidencia do que hoxe coñecemos como efecto invernadoiro veu da man da científica e sufraxista Eunice Newton Foote (1819-1888) en 1856. Foote naceu nunha pequena cidade de Connecticut, nos Estados Unidos, pero mudouse durante a súa infancia a Nova York, onde tivo a oportunidade de recibir unha educación progresista para a súa época. En 1841 casou co avogado e matemático Elisha Foote, con quen participaría activamente nalgúns dos movementos científicos e sociais máis importantes do seu tempo.

O século XIX foi unha época trepidante na que, o que ata entón se coñecía como “filosofía natural”, se profesionaliza e pasa a chamarse “ciencia”. Froito dun interese xenuíno por coñecer o mundo que os rodeaba, a parella Newton-Foote montou o seu propio laboratorio afeccionado na súa casa, onde Eunice desenvolveu múltiples experimentos.

Nun deles, cunha metodoloxía sinxela pero enxeñosa, Foote illou aire común e dióxido de carbono (CO2) e mediu a temperatura dos recipientes que os contiñan ao expoñelos ao sol. Despois dun tempo baixo os raios solares, observou que o recipiente con maior cantidade de CO2 estaba máis quente. Esta diferenza de temperatura entre recipientes permitiulle concluír que "unha atmosfera de CO2 podería dar á nosa Terra unha temperatura elevada". Realizou o mesmo procedemento, illando o aire seco e húmido, e puido apreciar e afirmar que a humidade tamén favorecía un maior quecemento. Deste xeito, a investigadora revelou por primeira vez a importancia do vapor de auga e do CO2 no clima, aínda que iso non impediu que o seu descubrimento pasase desapercibido durante máis dun século.

Baixo o título Circumstances Affecting the Heat of Sun's Rays, (ou, o que é o mesmo, Circunstancias que afectan a calor dos raios solares), o traballo de Eunice presentouse na Oitava Reunión Anual da Asociación Americana para o Avance da Ciencia (AAAS) en Albany, Nova York, en 1856. Non obstante, a pesar de ser a autora do proxecto, a prohibición de que as mulleres asistisen á AAAS fixo que o seu traballo fose exposto polo profesor Joseph Henry, quen atopou moi interesante o achado de Foote. Nin a investigación nin a presentación foron incluídas nas actas da conferencia.

Porén, o seu traballo si foi publicado no American Journal of Science en 1857, aínda que o manuscrito só foi rescatado máis de 150 anos despois, en 2016, pola climatóloga Katharine Hayhoe, motivada polo científico e coleccionista de manuais científicos Raymond P Sorenson. De feito, o mérito do descubrimento de Foote foi atribuído durante anos ao científico John Tyndall, que aparece na Historia como o primeiro en falar do efecto invernadoiro en 1859, tres anos despois de Foote. Ademais, anos máis tarde, tamén se destacou a Svante Arrhenius como precursor do coñecemento sobre o cambio climático, pero a figura de Eunice seguiu sen ser recoñecida.

Aínda non se sabe se Tyndall estaba ao tanto das investigacións de Foote cando publicou o seu descubrimento, xa que a comunicación entre as academias americana e europea era moito máis custosa na época do que é hoxe. O que ñe seguro é que nin el, nin moitos outros, citaron a obra da súa predecesora. Tal e como sinalou o científico e historiador da Royal Institution, Roland Jackson, ademais da desvantaxe de pertencer á academia americana fronte á europea, Foote tiña dous factores en contra: o seu xénero e a súa condición de afeccionada; o segundo produto do primeiro.

Ademais do seu, tardiamente recoñecido e talentoso, espírito investigador, Foote foi unha figura recoñecida nos primeiros movementos feministas contemporáneos. As múltiples restricións políticas e sociais ás que se enfrontaron as mulleres no século XIX cristalizaron en movementos como o sufraxismo. Durante a década de 1840, varias mulleres dos Estados Unidos, entre elas a nosa protagonista, organizáronse para denunciar a súa situación: a falta de dereito a voto, o seu nulo acceso á educación superior, a imposibilidade de ocupar cargos públicos ou a cesión do seu patrimonio aos seus maridos tras a voda, o que lles impedía ter propiedades de seu. Foote foi unha persoa destacada neste movemento, aparecendo como membro do Comité Editorial da histórica Convención de Seneca Falls, a primeira convención polos dereitos da muller, e sendo unha das 67 mulleres que asinaron a Declaración resultante.

O voto feminino non chegou aos Estados Unidos ata 1920. Aínda así, a loita política e científica de Foote, e de moitas outras mulleres, contribuíu de xeito decisivo á realidade na que vivimos hoxe, non só como sociedade que avanza cara á igualdade, senón como unha sociedade que tamén busca solucións globais ante unha grave crise climática.

Hai case trinta anos, diferentes líderes mundiais uníronse para abordar colectivamente, por primeira vez, o problema do cambio climático. Case século e medio antes, Foote xa avanzara a base científica dunha das  propostas do Protocolo de Kioto (1997): reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (principalmente o CO2) para paliar o evidente aumento da temperatura terrestre, mediante a redución de actuacións como a queima de carbón, petróleo e gas natural, así como outras actividades económicas de grande envergadura como a gandaría e a deforestación.

Os gases de efecto invernadoiro (CO2, vapor de auga, metano, ozono e óxido nitroso) aumentaron de forma non natural, é dicir, como consecuencia da actividade humana no planeta, dende a Revolución Industrial. Estímase que a temperatura da Terra sería duns -18ºC se non tivésemos a presenza de gases de efecto invernadoiro na atmosfera, en lugar dos 15ºC de media actuais, polo que estas moléculas son necesarias para a vida tal e como a coñecemos. A problemática radica en que o aumento artificial dos gases de efecto invernadoiro está a xerar un aumento progresivo da temperatura terrestre (Figura 1), coñecido como quentamento global, cada vez máis acelerado. Á súa vez, este quecemento está a inducir, como consecuencia, un cambio climático que xa se está a manifestar; o desxeo das rexións polares ou as tormentas e secas, máis extremas e frecuentes, son evidencias disto.

Grazas á pegada afouta de moitas mulleres na historia, e de científicas como Eunice N. Foote, hoxe novas investigadoras teñen un lugar representativo na ciencia. Un lugar para poder seguir avanzando conxuntamente no coñecemento para a nosa sociedade, onde a distinción está no talento, a curiosidade, a constancia, o traballo e a ilusión por aprender das persoas. Estas son as características que debemos valorar, deixando de lado outras divisións artificiais que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación social.


Que provocan os gases descritos por Eunice N. Foote? O efecto invernadoiro.

Efecto invernadero

O vapor de agua y CO2 que Eunice N. Foote describió como agentes que podían aumentar la temperatura atmosférica, son los causantes del efecto invernadero. El Sol emite energía que se propaga en forma de ondas electromagnéticas (radiación) hacia nuestro planeta. Una parte de la radiación solar (ultravioleta, flechas amarillas) es reflejada por la atmósfera y la propia superficie terrestre, rebotando al exterior, mientras que la mayor parte penetra a través de la atmósfera y es absorbida por la tierra, calentándola. Debido a este calentamiento, la superficie terrestre también emite radiación (térmica o infrarroja, flechas rojas) hacia el exterior. Parte de esta radiación infrarroja atraviesa la atmósfera y escapa, mientras que otra parte es retenida y reemitida en todas las direcciones por las moléculas de los gases de efecto invernadero que se encuentran en la atmósfera. Como consecuencia, parte de la energía térmica que debería escapar al exterior terrestre vuelve a la superficie (proceso conocido como efecto invernadero), aumentando la temperatura del planeta. Cuanto mayor es el contenido de gases de efecto invernadero, mayor es la reemisión de vuelta de radiación infrarroja hacia la superficie terrestre, aumentando progresivamente la temperatura.

More