Vigo, 16 de xuño de 2023. Galicia converterase o próximo mes de outubro no epicentro do debate europeo sobre a restauración dos océanos e sobre o futuro da ciencia mariña ao acoller a Conferencia EurOCEAN 2023, un foro que reunirá na cidade de Vigo á comunidade científica europea, responsables políticos da Unión Europea e dos Estados Membros, á industria marítima e outras partes interesadas do mar.

O EuroOCEAN 2023 terá lugar os días 10 e 11 de outubro e a súa sede será o auditorio Mar de Vigo, que se converterá nun espazo de intercambio e debate sobre os últimos avances e desafíos de futuro na investigación mariña e o uso sostible do océano. O lema da Conferencia será "One Ocean, One Voice" e buscará consensuar as mensaxes clave para a comunidade científica internacional sobre a necesidade de restaurar e salvagardar para as xeracións futuras, o bo estado do océano e a sustentabilidade dos servizos que prestan os  ecosistemas mariños mediante o fomento da investigación e do coñecemento relevante para este fin.

A Conferencia EuroOCEAN é o principal foro de encontro a nivel europeo sobre política e a ciencia mariña. Ofrece unha oportunidade única para que a comunidade investigadora mariña e todas as partes interesadas inter actúen coas persoas responsables das políticas e estratexias dos Estados Membros da Unión Europea e da Unión para considerar, discutir e responder aos novos desenvolvementos, desafíos e oportunidades en ciencia e tecnoloxía mariña. Esta será a décima edición do evento e forma parte da Axenda da Presidencia española da UE. Constitúe un evento estratéxico co obxectivo de reforzar as sinerxías entre a "Misión da Unión Europea para a restauración do océano e as augas continentais" ata 2030, a Década das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e outras iniciativas internacionais e europeas de investigación e innovación. As edicións anteriores de EurOCEAN tiveron lugar en Bruxelas (1993), Sorrento (1995), Lisboa (1998), Hamburgo (2000), Galway (2004), Aberdeen (2007), Ostende (2010), Roma (2014) e París ( 2019).

A Conferencia subliñará a importancia de unir esforzos cara á acción colectiva e a prol das ciencias mariñas para garantir o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU para 2030 e a pretendida restauración dos océanos. Todo iso a través dun amplo programa que se dará a coñecer en breve na páxina web de EurOcean 2023, onde xa é posible inscribirse como participante .

 

O Foro Profesionais do Océano na etapa inicial da súa carreira (ECOP) e outros eventos vinculados a EuroOCEAN

Dous días antes da reunión EuroOCEAN 2023 e tamén por iniciativa do European Marine Board (EMB) a través do seu programa Young Ambassadors, terá lugar en Santiago de Compostela un foro de traballo para Early Career Ocean Professionals (ECOP), que reunirá na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, do 8 ao 9 de outubro, a 70 representantes desta mocidade profesional, dous por cada unha das organizacións socias do EMB. Este foro trasladará as súas conclusións á Conferencia posterior e converterase así nun espazo de formación e diálogo interxeracional entre os ECOP do EMB e os líderes da política europea, expertos e membros da comunidade científica ao máis alto nivel.

A semana pecharase coa celebración da reunión de membros do European Marine Board, que terá lugar os días 12 e 13 de outubro na sede do Centro Tecnolóxico del Mar-Fundación CETMAR en Vigo.

Organizan

O European Marine Board organiza esta xornada en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC), o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), o Campus do Mar e a Comisión Europea. A organización tamén conta coa participación da Joint Programming Initiative on Oceans (JPI Oceans), a European Marine Research Network (EuroMarine), o compoñente europeo do Global Ocean Observing System (EuroGOOS), o European Centre of Information on Marine Science and Marine Technology (EurOcean) e a Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA). No ámbito local, o Padroado de CETMAR representado a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, o Porto de Vigo e as asociacións CONXEMAR e ANFACO tamén manifestaron o seu apoio á celebración da Conferencia.

 

More