Vigo, 18 de abril de 2023. Científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), do Centro i∼mar & CeBiB (Universidade Os Lagos) e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) publicaron un estudo que achega novos datos sobre as adaptacións da microalga tóxica Dinophysis acuminata e que lle permiten manterse todo o ano entre a ría e augas exteriores da plataforma. O estudo, que acaba de publicarse na revista Harmful Algae, mostra que as células desta microalga, principal causante das prohibicións de marisqueo nas rías galegas durante a tempada de afloramento entre marzo e setembro, poden permanecer na capa de auga superior e ser arrastradas fóra das rías, onde atopan refuxio e permanecen ata que o vento as transporte de novo á ría dándose as condicións para unha nova floración. “Estas microalgas válense da circulación típica do sistema de afloramento coma se se tratase dunha cinta transportadora reversible”, explica Esther Velasco-Senovilla, investigadora do IEO e primeira autora do estudo

Os resultados demostran a resiliencia de D. acuminata que é capaz de pasar da ría á plataforma e tolerar cambios bruscos de temperatura e turbulencia. Con todo, require de condicións moi específicas para o seu crecemento, que só se producen nunha marxe estreita de condicións de temperatura e salinidade e en presenza do ciliado Mesodinium, do cal se alimenta para roubar os seus cloroplastos. “En contra do defendido por outros autores, os intercambios entre ría e plataforma máis intensos favorecen as floracións desta especie”, apunta a científica.

As mostraxes para este estudo realizáronse en xuño de 2013 nas rías de Vigo e Pontevedra e a plataforma continental adxacente a bordo do buque oceanográfico Ramón Margalef, durante a campaña ASIMUTH Rías. Recolléronse mostras para análises de fitoplancto e pigmentos e rexistráronse datos das variables hidrográficas de interese ao longo de seccións transversais do interior das rías á plataforma e durante un ciclo de 36 horas nun punto de mostraxe fixa, o que permitiu estudar con moito detalle o nicho da especie. O estudo inclúe, por primeira vez neste tipo de análise, as distintas formas ou estadios do ciclo vital de D. acuminata, o que permitiu identificar os cambios ambientais que promoven o seu desenvolvemento.

“Os resultados deste traballo permítennos entender como D. acuminata responde os cambios repentinos das condicións ambientais e como se mantén no sistema durante toda a estación de afloramento”, explica Velasco-Senovilla. “Dito doutra maneira, agora comprendemos por que esta microalga é tan persistente nas Rías Baixas e por que provoca (en cuestión de horas) picos de acumulación de toxina diarreica nos mexillóns despois dun cambio de dirección do vento”.

More