Santiago de Compostela, xoves 18 de xullo de 2024. A presidencia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en función da candidatura avalada no IIM debatida no Claustro Científico, previo informe preceptivo do Comité Científico Asesor do CSIC, nomeou a Beatriz Novoa García nova directora do IIM.

Releva no cargo a Carmen González Sotelo, que exerceu como directora provisional desde decembro de 2023.

A nova directora nomeou ao equipo que a acompañará na Dirección: Luis Taboada Antelo como vicedirector científico e Lucía Sánchez Ruiloba como vicedirectora técnica.

Beatriz Novoa García (Vigo, 1966) é licenciada e doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa labor investigadora no CSIC en 1990 e en 1997 obtivo unha praza de científica titular no IIM, promocionando sucesivamente a investigadora científica en 2006 e profesora de investigación en 2016.

Foi investigadora posdoutoral na Universidade de Aberdeen (Reino Unido) e completou a súa formación como investigadora nas universidades de Maryland, Maine, Harvard e Pennsylvania (Estados Unidos).

Na actualidade, é xefa do grupo de “Inmunoloxía e Xenómica” e do Departamento de Biotecnoloxía e Acuicultura. As súas liñas de investigación céntranse no estudo das bases moleculares da resposta inmune de organismos mariños mediante análise de expresión xénica. Ademais, estuda procesos inflamatorios asociados a enfermidades humanas empregando o peixe cebra (Danio rerio) como modelo, así como a resposta inmune antiviral. Nos últimos anos, o seu grupo estudou a diversidade microbiana na Ría de Vigo mediante técnicas de secuenciación masiva e bioloxía molecular.

Autora de máis de 260 artigos científicos publicados en revistas SCI, un libro e 20 capítulos de libros. Conta cun elevado índice de impacto (índice H: 59) e figura no Ranking da Universidade de Stanford no 2% dos científicos máis influentes do mundo (tanto polo total da súa carreira como por anos individuais, 2023) e na lista dos investigadores españois máis citados.

Investigadora principal de proxectos de investigación financiados en convocatorias de concorrencia competitiva de ámbito nacional e europeo.

Ten varias patentes e varios premios, entre os que destacan o da Academia Galega das Ciencias e o VI Premio Jacumar de Investigación en acuicultura.

Foi directora/codirectora de 21 teses doutorais e dirixiu ademais teses de máster e de fin de carreira. Tamén participa en programas de doutoramento en colaboración con diferentes universidades e é profesora do Máster Inter-universitario de Acuicultura e de Xenómica e Xenética das tres universidades galegas.

Foi Adxunta de Coordinación de ANEP, Ministerio de Economía e Competitividade. Área de Gandaría e Acuicultura desde 2012 ata 2019. É editora xefa da revista “Frontiers in Aquaculture” e forma parte do comité editorial das revistas “Fish and Shellfish Immunology” e “Developmental and Comparative Immunology”. Desde 2016 a 2023 foi presidenta da Sociedade Internacional de Inmunoloxía de Peixes e Moluscos, sendo actualmente vicepresidenta.

“Entre outros asuntos, desde a dirección do IIM teremos que facer fronte aos importantes problemas de espazo do instituto e ao traslado do mesmo á ETEA”, avanza Novoa.

O IIM

Instituto propio do CSIC de marcado carácter multidisciplinar que aborda dun xeito integral a investigación mariña. Como institución de investigación dedicada á ciencia para o desenvolvemento sostible, pretende dar resposta aos desafíos globais e ás preocupacións locais relacionadas co medio mariño, a través de diferentes liñas de investigación estruturadas ao longo de tres eixos fundamentais:

1. Sistemas oceánicos e costeiros, para coñecer a relación entre os océanos e o clima, e fundamentar accións urxentes para combater o cambio climático e outros impactos do ser humano no medio.

2.Vida e ecosistemas mariños, para investigar os mecanismos que permiten o uso sostible dos océanos, mares e recursos mariños, especialmente no ámbito da pesca, a acuicultura e a conservación da biodiversidade.

3. Sistemas e procesos biolóxicos, para xerar coñecemento que garanta a seguridade alimentaria, e mellore a nutrición, a saúde e o benestar humano, investigando tamén o desenvolvemento de bioprodutos de base tecnolóxica.

A nivel interno, consta de catro departamentos altamente interrelacionados: Oceanografía, Ecoloxía e Recursos Mariños, Biotecnoloxía e Acuicultura, e Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos- que acollen aos seus grupos de investigación.

More