Santiago de Compostela, xoves, 26 de setembro de 2024. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa un ano máis dende Galicia na G-Night, un evento que se celebra mañá venres de forma simultánea en toda Europa. Este ano en Galicia volve estar coordinado pola Universidade de Vigo (UVigo).

A participación do CSIC en Galicia realízase a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT ) e os Centros Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía na Coruña e Vigo, que desenvolverán actividades en Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e A Coruña.

O IIM leva a cidadanía nunha viaxe pola ría

O IIM participa ofrecendo unha saída á ría a bordo do Nautilus (da empresa Ocean Secrets) baixo o título “Investigación na Ría”, na que público de todas as idades poderá descubrir a diversidade mariña do fondo da ría de Vigo. Esta iniciativa xa esgotou as súas prazas dispoñibles.

Grazas ao uso dun ROV, un pequeno robot submarino, o fondo da ría poderase observar dende a cuberta do barco. Ademais, durante o traxecto, que dura unha hora e media e partirá do peirao da empresa nas Avenidas, as persoas participantes poderán asistir ás charlas do persoal investigador do IIM, que dará contexto ás observacións realizadas desde o barco permitindo que a sociedade se achegue á ciencia que se fai dende a súa cidade.

Evento do IIM- CSIC

Outras iniciativas completan o programa do CSIC Galicia

A MBG levará a cabo o “Escape Room Biomision” na súa sede de Pontevedra (El Palacio, Salcedo), de 19:00 a 21:00 horas. A iniciativa está dirixida ao público  xeral e é gratuíta previa inscrición en info@biomision.eu.

A actividade aborda a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e a súa importancia para alimentar o mundo. Así, os participantes deberán colaborar para resolver unha serie de enigmas seguindo as pistas que recibirán en tres charlas do persoal investigador da MBG-CSIC.

O IEGPS participa, por unha banda, con “A pegada das mulleres nas rúas de Compostela: unha viaxe pola nosa historia”. Trátase dunha ruta, dirixida ao público xeral, que percorrerá as rúas do centro histórico. Ao longo do percorrido seleccionaranse algúns lugares de especial relevancia para coñecer a historia da muller compostelá dende a Idade Media ata a actualidade, ofrecendo breves explicacións histórico-artísticas por parte do persoal do IEGPS. É gratuíto sen necesidade de reserva, con saída ás 19:30 h desde a sede do IEGPS (San Roque, 2, Santiago).

A outra proposta do IEGPS está dirixida ao público xuvenil. Trátase dun obradoiro de Paleografía baixo o título “Que non, que non é elfico! Obradoiro para descifrar os escritos antigos.” Será ás 17:00 horas na súa sede, de balde previa reserva en divulgacion@iegps.csic.es

O INCIPIT súmase ao evento con dúas actividades en Santiago de Compostela pola tarde. Por unha banda, unha xornada de portas abertas (18.30 horas) nas súas instalacións do edificio Fontán (Cidade da Cultura), que inclúe unha parada no planetario e no laboratorio do proxecto europeo XSCAPE Mentes Materiales no que traballa a mente humana co entorno material ao longo do tempo. É gratuíto previa reserva en valorizacion@incipit.csic.es. Por outra banda, no Claustro de Fonseca levará a cabo “Entender as mentes materiais. Modifica o mundo construído ou o noso cerebro?”, onde se explicarán os obxectivos do proxecto europeo XSCAPE Mentes Materiales. Será de 18:00 a 21:00 horas.

O Centro Oceanográfico IEO Vigo estará no Espazo Anexo MARCO (Rúa de Londres) con "Obradoiros IEO", obradoiros guiados por persoal investigador e técnico a través dos que explicarán e compartirán o seu traballo co público en xeral, centrándose no traballo de asesoramento científico realizado para as distintas administracións. Será de 17:00 a 21:00 horas con acceso libre.

O Centro Oceanográfico da Coruña do IEO tamén participará con Obradoiros IEO no Paseo do Parrote. Ofrecerá, de 18:00 a 21:00 horas con acceso gratuíto, obradoiros guiados polo seu persoal para explicar, mediante experimentos, os fenómenos físicos que se producen no océano: o público tamén poderá observar, mediante microscopios, o fitoplancto e o zooplancto na auga do mar.

Máis información sobre cada actividade

More