Santiago de Compostela / Vigo, 22 de agosto de 2023. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), dirixiu un estudo sobre a resposta do mexillón ante feridas e infeccións, observando que o molusco libera células inmunitarias fóra do seu corpo, no espazo entre as cunchas. Os resultados publícanse en Fish and Shellfish Immunology.

“O mexillón, un molusco do que España é o terceiro país produtor do mundo, caracterízase, entre outros aspectos, por ser altamente resistente a patóxenos. E, como ocorre con todos os invertebrados, depende unicamente da súa inmunidade innata, na que os hemocitos xogan o papel principal”, explica Antonio Figueras, profesor de investigación do CSIC no IIM. “Sábese que o principal actor no sistema inmunitario do mexillón son as células do sangue ou hemocitos, e realizáronse diversos estudos sobre os hemocitos que están no interior do corpo do bivalvo. Non obstante, até a data non se desenvolvera ningún en profundidade sobre a súa presenza no fluído intervalvar, que é esencialmente auga de mar", engade o científico.

No grupo de investigación, que leva máis de 40 anos dedicado ao estudo da resposta inmune do mexillón, a observación por casualidade de células semellantes aos hemocitos no espazo intervalvar (delimitado polas cunchas, rodeado polo manto e onde ese atopan as branquias), onde supostamente só hai auga de mar, levounos a seguir estudando estas células e a comparalas cos hemocitos que se poden atopar no interior do corpo do mexillón.

Para iso, deseñaron un estudo co obxectivo de analizar as características dos hemocitos do líquido intervalvar dos mexillóns e a súa resposta a diferentes estímulos (unha lesión tisular e unha infección bacteriana transmitida pola auga) en comparación cos hemocitos da hemolinfa, o seu líquido circulatorio. Analizaron e compararon o número, o tamaño, o movemento, a produción de especies reactivas do osíxeno, a fagocitose e a expresión de xenes relacionados coa migración e as funcións inmunitarias dos hemocitos no exterior (líquido intervalvar) e no interior do corpo do mexillón.

Os resultados obtidos polo equipo de investigación revelan que os hemocitos do fluído intervalvar do mexillón comparten características comúns cos da hemolinfa, como a morfoloxía celular ou a estrutura da poboación celular. Porén, tamén amosan diferenzas significativas de tamaño (máis pequeno no fluído intervalval), motilidade (comunmente máis rápida no fluído intervalvar), así como na produción de substancias para atacar microorganismos ou na expresión de xenes inmunes que se sobreexpresan nas células do líquido intervalvar en comparación coas da hemolinfa.

"En conclusión, aínda que a maioría dos estudos sobre mexillón realízanse con hemolinfa extraída do músculo aductor posterior, a poboación de hemocitos fluídos intervalvales debería estudarse máis fondamente, especialmente cando os mexillóns están en situacións estresantes", avanzan dende o equipo de investigación.

A investigación desenvolveuse no marco do proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e pola Xunta de Galicia: “Bivalvos: microbioma y enfermedades”.

More