O Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC celebra un ano máis o "Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia"  #11F2024  cun programa de actividades deseñado para destacar o papel das mulleres na investigación mariña e creando así referentes femininos para a infancia que poidan contribuír á elección destas áreas como carreiras profesionais.

O programa do IIM desenvolverase a partir de febreiro e está composto pola publicación de vídeos e charlas en escolas, destacando o papel das científicas e técnicas como #MulleresDeCiencia.


Saber do Mar | Tempada 3

Saber do mar 3

O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) estrea a 3ª tempada da serie "Saber do Mar", o primeiro vídeo emitirase coincidindo co propio día 11 de feberiro na canle de Youtube do IIM-CSIC e a protagonista será a nosa compañeira Camino Gestal, xefa do grupo de Patobioloxía Molecular Mariña, que nos falará da influencia da alimentación no crecemento e saúde dos polbos mediante técnicas ómicas. 

Saímos á rúa para preguntarlle á xente que coñece do que facemos no IIM-CSIC, que lle gustaría coñecer da nosa actividade científica e, en definitiva, que lle gustaría saber do mar. Estas preguntas, que gravamos en vídeo e están sendo contestadas da mesma forma polos científicos e científicas do centro.

O resultado final é unha serie de audiovisuais que seguimos completando con esta 3ª tempada de #SaberDoMar!

Actividade organizada co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología 2018.

Esta nova tempada dará lugar a unha nova serie de 5 audiovisuais protagonizados pola veciñanza e o persoal do noso centro.

Visualiza a tempada 1 e 2


Charlas en centros educativos

No Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), comprometémonos a promover a ciencia e a investigación mariña. Durante as próximas semanas, varias traballadoras do centro visitarán escolas para compartir a súa labor como científicas e técnicas.

Este esforzo busca inspirar ás futuras xeracións e fomentar a participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. O noso obxectivo principal é achegar a ciencia mariña aos estudantes, destacando o papel crucial das mulleres neste campo e motivándoos a considerar carreiras en ciencia e tecnoloxía. Ademais, buscamos promover a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico e visibilizar o traballo das científicas.

More