Mar e Pasado: Patrimonio Accesible
O IIM inicia, este martes “Mar e Pasado”, unha serie de 4 obradoiros dentro do proxecto “Patrimonio Accesible”, concedido no marco da convocatoria da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (2022).
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) comezará mañá "Mar e Pasado", unha serie de obradoiros interactivos pensados especificamente para persoas con alzhéimer e outras demencias de toda Galicia, como parte integrante da iniciativa "Patrimonio Accesible".
Serán catro obradoiros, cun público reducido e contidos adaptados ao público destinatario, sobre a biodiversidade e a ecoloxía dos moluscos bivalvos e as tecnoloxías tradicionais para a súa explotación, como o marisqueo ou o punteo. Neles, os asistentes participarán a través da conexión coas súas lembranzas do pasado e da estimulación sensorial da actividade cerebral, reforzada a través das tradicionais cancións mariñeiras que actuarán como fío condutor das sesións.
A elaboración destes obradoiros contou coa estreita colaboración de AFAMO, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo, e a Fundación Legar, dedicada á recuperación e difusión do patrimonio cultural musical de Galicia.
O obxectivo principal destes obradoiros será establecer un vínculo entre os participantes e as súas memorias a través de actividades sensoriais, emocionais e cognitivas. Para conseguilo, empregaranse materiais táctiles e cantigas tradicionais do mar, creando unha experiencia que combine coñecemento científico coa conexión emocional.
Ademais de favorecer a comprensión da biodiversidade mariña e das tradicións culturais galegas, estes obradoiros buscarán proporcionar un ambiente inclusivo e solidario para as persoas maiores e as que se enfrontan a enfermidades cognitivas.
Traballando estreitamente con asociacións especializadas e prestando unha atención individualizada ás necesidades de cada participante, apostamos por crear un ambiente de coidado, respecto e cariño en cada obradoiro.
Este proxecto é unha iniciativa conxunta da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (Delegación Institucional), o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT, Santiago de Compostela) a través da súa Unidade de Valorización, e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM , Vigo) a través a súa Unidade de Cultura Científica.
Os obradoiros terán lugar o 14 de maio en Cee, o 20 de maio en Moaña, o 10 de xuño en Burela e o 12 de xuño en Ribeira.
Datos do proxecto
Este proxecto está financiado pola FECYT – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Código FECYT: B-18215 e forma parte do proxecto “Coordinación Anual da Rede da UCC: Cultura Científica Accesible para Persoas con Discapacidade no CSIC”, concedido á Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC.
Entidades implicadas
O proxecto conta coa participación de diversas entidades, entre as que se atopan a UCC da Delegación do CSIC en Galicia, encargada da coordinación, así como a UCC+I do IIM-CSIC e a Unidade de Valorización do Incipit-CSIC. Ademais, a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias do Morrazo (AFAMO) e, como entidades implicadas, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Viveiro (AFA Viveiro) colaboran a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Burela (AFAN Burela), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Fisterra e Soneira (AFAFES), a Asociación Galega de Axuda a Enfermos de Alzheimer ( AGADEA ), a Fundación Legar e a Fundación Alfareiras Terra Teruel (con Incipit).