Residencias Creativas: espazos para a divulgación da ciencia
Continuamos os nosos Encontros Espresso, coa charla de Luisa Martínez Lorenzo (UCC - Delegación do CSIC en Galicia), amosando os resultados das residencias artísticas e creativas como medio para a divulgación científica no Salvador.
(enlace dispoñible no día da transmisión)
Os “Encontros Espresso" son un formato de charlas que se veñen realizando no IIM-CSIC co obxectivo de coñecernos mellor entre nós,coñecer mellor a actividade que se realiza no noso centro e explorar o mundo da ciencia mariña, fomentando a discusión científico-técnica e reforzando vínculos entre grupos onde pode participar tanto o persoal investigador como técnico para compartir o seu traballo, experiencias e resultados.
Son eventos pensados especialmente para o noso persoal, pero todo o mundo está convidado a unirse a través da nosa emisión por streaming.
Este novo formato celebrarase cada dúas semanas, ás 10:00 horas no Salón de Actos do IIM-CSIC irán acompañados con café de cortesía ("Espresso") para favorecer o bo fluír da comunicación.
Desta vez encontrámonos coa nosa compañeira, Luisa Martínez Lorenzo, doutora en ciencias do mar e responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia.
Residencias Creativas: espazos para a divulgación da ciencia
Estamos nunha década decisiva na que é clave que a cidadanía coñeza as metas da Axenda 20-30 e tome conciencia sobre o seu papel, individual e colectivo, nas necesarias e urxentes medidas a levar a cabo.
Neste contexto, a comunidade científica xoga un papel fundamental que debería incluír unha eficiente e adaptada comunicación social da ciencia, evitando deste xeito as informacións vertidas por gobernos e medios de comunicación que, en moitos casos non buscan unha concienciación real da cidadanía.
Ante este reto as aproximacións arte e ciencia preséntanse como poderosas vías de achegamento á sociedade. Novas narrativas que amosan a información científica desde outros enfoques, que sorprenden e invitan á reflexión, sen impoñer ou reclamar respostas. Unha canle de comunicación directa coa sociedade que da voz ás comunidades científica e artística, con información rigorosa, sen intermediarios e co obxectivo de chamar a atención, de fomentar o pensamento critico e de deixar pegada no público.
Nesta conversa amosaranse os resultados e recorrido da Residencia Artística e de Creación levada a cabo por Luisa Martínez, responsable da UCC do CSIC en Galicia e divulgadora científica, no marco do proxecto Cartografías Líquidas (iniciativa del clúster EU National Institutes for Culture San Salvador). O tema de traballo foi o ODS 6 (Auga limpa e saneamento) e a entidade responsable do acompañamento e asesoramento foi Plataforma Global El Salvador.
As obras realizadas polos 6 artistas participantes nesta iniciativa, pódense ver no CCESVLab, espazo virtual de pensamento, creación e innovación do Centro Cultural de España en El Salvador: https://lab.ccesv.org/tema/ciencia-y-tecnologia/
Luisa Martínez Lorenzo
Dra. en Ciencias do mar, divulgadora científica e ilustradora, é desde o 2008, responsable da Unidade de Cultura Científica CSIC Galicia. Ten ampla experiencia no desenvolvemento de accións que achegan a ciencia á cidadanía, especialmente no eido da investigación mariña. Como relatora participa en cursos e xornadas sobre a comunicación da ciencia, e sobre o uso dos libros informativos para achegar a investigación ao público infantil e xuvenil.