Analizando o novo Tratado do Mar Aberto
Nunha primeira lectura, as expertas e expertos do IIM-CSIC coinciden en que o novo acordo representa un paso importante e decisivo na boa dirección, pendentes de coñecer como se articula realmente a execución da nova normativa.
“O barco chegou á costa”, esta foi a frase coa que Rena Lee anunciou o pasado domingo, 4 de marzo (CET – Vigo), en Nova York, o acordo acadado sobre o chamado Tratado do Mar Aberto ou Treaty of the High Seas.
Lee é a presidenta da Conferencia Intergubernamental pola Biodiversidade das Áreas Alén da Xuridicción Nacional, o ente no cal se redactou este Tratado que busca ser un instrumento efectivo, claro e coordinado para a protección efectiva do “mar aberto”, a superficie mariña fóra das augas nacionais de cada Estado que representa máis do 66% do océano (e o 46% da superficie total do globo).
Máis de dúas décadas de intensas discusións entre organizacións de expertos, ecoloxistas e gobernos foron necesarias para acadar este documento que pretende actualizar a gobernanza e protección desta vasta rexión do noso planeta; practicamente indefensa, até agora, fronte ás novas tecnoloxías, que permiten a explotación de novos recursos como a minaría de fondo (Deep Sea Mining).
No IIM falamos con algúns dos nosos investigadores e investigadoras sobre a relevancia deste novo acordo e os cambios que pode traer para a explotación e protección do océano.
Un acordo de vital importancia para o océano
Das persoas consultadas, todas coinciden en destacar a relevancia do Acordo. Antonio Padín, investigador no grupo de Procesos Oceánicos en Cambio Global, defíneo, de feito, como unha “firme aposta pola protección da saúde dos océanos”.
“O acordo é de vital importancia para a protección das augas que son de todos e non son de ninguén, os High Seas.” – opina pola súa parte David Villegas, investigador en Ecoloxía e Recursos Mariños – “Aquí, ata agora, cada pais facía mais ou menos o que quería. Este acordo pretende poñer un pouco de orde e un marco legal para regular as actividades nesta zona do océano”.
Con todo, a prudencia é tamén unha actitude predominante, como indica María López Acosta, investigadora en Procesos Oceánicos e membro de OYSTER, o grupo de novos investigadores da rede europea EuroMarine: “Este tratado é un fito histórico que asenta as bases do que deberían ser os océanos do futuro: máis sostibles e cun maior grao de protección. Agora queda esperar a ver como os países asinantes do tratado incorpórano ás súas lexislacións nacionais e como se implementa, para o que posiblemente teremos que esperar aínda varios anos.”
Avanzando cara ao 30x30
Un dos puntos máis relevantes do Acordo é que actúa como un paso necesario para acadar o coñecido como obxectivo 30x30 marcado pola ONU: a protección do 30% da superficie mariña en 2030 mediante a declaración de Áreas Mariñas Protexidas (ou MPAs).
Dado o complicado marco legal existente até o de agora, a maioría destas áreas atopábanse en augas nacionais, mentres que as augas internacionais quedaban practicamente desprotexidas con só o 1% da súa superficie dentro dunha destas MPAs.`
David Villegas, aínda que recoñece a importancia do Tratado para avanzar cara a este tipo de protección dos ecosistemas mariños, volve pedir prudencia: “O problema co obxectivo de protexer o 30% para 2030 é que o resultado vai depender moito do tipo de protección que se implante”.
Así, explica como, mentres hai áreas cunha gran protección dos recursos (nas que non se permite a extracción, por exemplo), hai moitas outras nas que a protección queda, basicamente, “sobre o papel”. Ademais, alerta “Os sectores interesados probablemente apertarán para que a protección sexa meramente simbólica”.
Impacto nas actividades de explotación e na pesca
Outro dos puntos interesantes do Tratado, que sen dúbida afectará á explotación dos recursos do mar aberto, é a nova esixencia de Estudos de Impacto Ambiental para a realización de calquera actividade de explotación no mar aberto.
Con respecto á afección que pode ter sobre as actividades de explotación en mar aberto, María López é clara: o novo acordo “afectará a explotación dos recursos mariños en mar aberto”. Ademais, indica que “debería axudar a evitar unha explotación abusiva de certos recursos que teñen un alto impacto ambiental e que, até data actual, carecían apenas de control.”
No tocante aos recursos pesqueiros o Tratado non afectará dun xeito importante a súa explotación, segundo David Villegas. “A regulación estritamente pesqueira en moitas zonas de High Seas xa estaba sendo regulada polo que se chaman OROPs – Organizacións Rexionais de Ordenación Pesqueira – – organizacións supranacionais que regulan as actividades extractivas nunha determinada zona, ainda que con este novo marco legal as OROPs terán mais ferramentas para facer ben o seu traballo en materia de asesoramento e protección dos recursos biolóxicos”.
“Na miña opinión, por tanto, o maior impacto non sería na regulación pesqueira, se noutros recursos como a enerxía ou actividades mineiras ou incluso o tendido de cables subacuáticos, que terán que someterse a novos Estudos de Impacto Ambiental” – engade Villegas.
Unha novidade: a regulación dos “recursos xenéticos”
Un aspecto innovador deste acordo e que tenta introducir unha nova regulación sobre un recurso até agora bastante ignorado pola lexislación internacional: os recursos xenéticos. Estes recursos abranguen toda a biodiversidade xenética que se atopa nunha área determinada, é dicir, as diferentes especies e individuos, que poden ter un interese moi particular para a súa explotación por industrias como a farmacéutica.
María López destaca esta novidosa incorporación: “Por primeira vez, fálase dos recursos xenéticos mariños e establécese que, os situados en mar aberto son ‘propiedade’ da comunidade internacional. Así, os países con máis desenvolvemento tecnolóxico ou as grandes empresas privadas non poden facerse donos deles”
Con todo, o vago do Tratado neste aspecto, volve facer aflorar a prudencia na investigadora: “Haberá que ver como estas indicacións se trasladan ás lexislacións nacionais, o Tratado non especifica os mecanismos polos que debe implementarse”.
En resumo, as fontes consultadas no noso Instituto amosan bastante emoción ante un paso decisivo na protección dos océanos, enmarcado dentro deste Decenio das Ciencias Oceánicas marcado pola ONU ata o ano 2030. Con todo, haberá que deixar pasar algo de tempo para ver como estas medidas, acadadas tras anos de negociación, se trasladas a lexislación nacional e para descubrir canto poder teñen, realmente, para conservar e protexer os ecosistemas mariños e os seus recursos.