Santiago de Compostela, martes 27 de febreiro de 2024. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), vai avaliar, durante dous anos, a situación actual das poboacións salvaxes de cabalos de mar no litoral español, incluídas as Illas Baleares e Canarias.

Esta actuación enmárcase no proxecto de investigación “Hippo-DEC: Diagnóstico do estado de conservación de cabalos de mar no litoral español, áreas críticas e medidas de conservación”, financiado con 100.000 euros (en 2023) polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Protocolo Xeral de Actuación DGBBD-OAPN-FB-CSIC en materia de patrimonio natural, biodiversidade, forestal e adaptación ao cambio global. Os investigadores principais do proxecto Hippo-DEC son Miquel Planas e Jorge Urcera.

“Os cabalos de mar (Hippocampus spp.) son especies vulnerables incluídas en 2011 na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. A pesar de dita situación de protección, a información dispoñible sobre o estado das poboacións salvaxes é moi deficiente. A súa conservación esixe a necesidade de recompilar, analizar e avaliar a información existente, así como de ampliar os coñecementos na medida do posible”, explica Miquel Planas, investigador do CSIC no grupo de Ecoloxía e Recursos Mariños do IIM, no que se desenvolve desde 2006 unha liña de investigación sobre cabalos de mar. Entre os resultados acadados figura o desenvolvemento dunha técnica de cría en catividade e diversos estudos ecolóxicos, o que fixo que o grupo se considere pioneiro e punteiro a nivel mundial neste campo da investigación.

"A avaliación do estado poboacional só é posible coa participación de entidades e sectores da pesca capaces de achegar información"

“Con este proxecto que iniciamos agora pretendemos dar continuidade á liña de investigación, actualizar a avaliación das poboacións e propoñer zonas preferentes de protección a considerar en futuros estudos ou plans de conservación. Co proxecto Hippo-DEC obterase información nova, ampliando o coñecemento das características xenéticas poboacionais e facilitando ferramentas de rastrexabilidade”, avanza Planas.

“Dada a altísima fragmentación que presenta a distribución destas especies ao longo do noso litoral e a súa baixa abundancia, con presenza selectiva en determinadas comunidades vexetais, a avaliación do estado poboacional só é posible coa participación de entidades e sectores da pesca capaces de achegar información de presenza, así como coa obtención de mostras que permitan análises posteriores de interese”, engade Planas, quen destaca que “tamén serán de gran valor os avistamentos proporcionados por voluntarios a través de portais de ciencia cidadá como Observadores do Mar, no que o noso grupo é responsable do Proxecto Familia Signátidos”.

Neste sentido, o proxecto conta coa colaboración de Observadores do Mar, Fundación Aula do Mar do Mediterráneo, ONG Oceánidas, Fundació Oceanográfic de València, ONG Ambiens, Palma Aquarium, Acuario Xixón e Parque Nacional Marítimo-Terrestre dás Illas Atlánticas de Galicia.

More