O IIM participa en AWARE, augas residuais para unha acuicultura máis sostible
O proxecto europeo adaptará, en Italia, unha planta de tratamento de augas para aproveitar as augas residuais no cultivo acuapónico de peixes e vexetais.
Vigo, 23 de febreiro de 2023. O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC participa no proxecto europeo AWARE que, con 5,1 millón de euros, pretende construir a primeira granxa acuapónica de Europa en usar as augas recuperadas provenientes dunha planta de augas residuais.
O cultivo acuapónico combina dous conceptos: a acuicultura e o cultivo hidropónico (o cultivo de vexetais sobre a auga, sen terra). É un tipo de cultivo sostíbel, que reutiliza e recircula os propios refugallos grazas ao seu carácter multitrófico, que combina o cultivo de varias especies nunha soa instalación. En Europa, as augas que saen das plantas de tratamento, chamadas “augas recuperadas”, poden ser devoltas ao medio ou usadas para o rego; pero non se permite o seu uso na acuicultura nin neste tipo de cultivos acuapónicos.
O cultivo acuapónico combina dous conceptos: a acuicultura e o cultivo hidropónico (o cultivo de vexetais sobre a auga, sen terra).
Co desenvolvemento deste piloto, o proxecto “pretende abrir camiño para unha nova lexislación que apoie a acuicultura europea e demostrar a posibilidade real dunha cadea alimentaria totalmente renovada”, defende o doutor Fabio Ugolini, coordinador do proxecto.
O proxecto, comezado en novembro de 2022, implicará a máis de 20 institucións e empresas de 8 paises na construción e avaliación da produción acuapónica dunha nova planta na vila italiana de Castellana Grotte (Puglia), que se espera abra as súas portas en 2026. A granxa converterase, así, nun caso de estudio para o uso das augas recuperadas no cultivo acuapónico.
O IIM-CSIC, coa participación de tres grupos de investigación, lidera os traballos que afrontarán un dos principais retos do proxecto: que os peixes e vexetais producidos cumpran cos máximos requirimentos de calidade e seguridade alimentaria.
“Este proxecto é un reto para nós, pois imos aplicar a nosa experiencia e coñecemento de maneira directa, para obter unha solución nun escenario real que permita desenvolver un sistema produtivo baseado en acuaponia eficiente, sostible e resiliente”, comenta Marta López Cabo, que lidera a participación do IIM-CSIC.
Ademais da seguridade do produto, os equipos de AWARE afrontan outros importantes retos. Primeiro, conseguir que a auga recuperada estea libre de todo tipo de contaminantes prexudiciais, tanto químicos como microbiolóxicos e incluíndo aqueles “emerxentes”, aínda non regulados pola Directiva Europea de Augas Residuais. Segundo, conseguir que a instalación debe ser sostible medioambiental, social e economicamente. Ademais, debe convencer a lexisladores e lexisladoras, así como as persoas que consumirán o produto, dos beneficios do cultivo acuapónico a partir de augas recuperadas.
O proxecto AWARE foi financiado polo Programa de Accións de Investigación e Innovación Horizonte Europa da Unión Europea, baixo o Acordo Nº101084245, co cofinanciamento de UK Research and Innovation (UKRI).