O IIM retoma os seus seminarios de ciencia mariña, os Encontros Espresso
- Os seminarios buscan favorecer o intercambio de ideas e a discusión científica interna, pero aberta a toda a comunidade de ciencias mariñas de Galicia.
- Os novos Encontros coordinaranse pola investigadora María Saura, recentemente incorporada ao IIM, e a Unidade de Cultura Científica do centro que irán anunciando máis novidades segundo avance a iniciativa.
Vigo, 11 de abril de 2023. O Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC) en Vigo retomará, este xoves 13 de abril, a celebración de seminarios periódicos de ciencia mariña.
Baixo o nome de Encontros Espresso, estes seminarios terán diversos formatos; dende charlas de 20 minutos sobre un tema concreto ata mesas redondas con ata 3 persoas participantes de diferentes disciplinas.
As sesións emitiranse dende a Sala de Reunións da sede do IIM-CSIC no barrio vigués de Bouzas e abriranse á toda a comunidade online, a través de salas de chat e retransmisións. As charlas serán en galego, castelán ou inglés.
Segundo se confirmen, as charlas iranse subindo á Axenda de Eventos do IIM-CSIC así como ás redes sociais da institución. A ligazón da emisión será accesible a través do LinkTree do IIM-CSIC: https://linktr.ee/iim_csic
Para abrir este ciclo, o IIM-CSIC contará coa vista de Lucía Pita Galán, investigadora no Institut de Ciéncies del Mar (ICM-CSIC) de Barcelona, cun seminario titulado: “Living together: Diving into the mechanisms of sponge - microbe - environment interactions”. Toda a info dispoñible no evento da web do IIM-CSIC:
Outros Encontros Espresso, con data aínda por confirmar, incluirán diversas temáticas como a o microbioma da pel do polbo, o comportamento dos marraxos e como se relaciona coa súa conservación, a bioloxía de sistemas aplicada ao metabolismo microbiano ou, incluso, un percorrido por cinco momentos clave da historia do Instituto de Investigacións Mariñas.