Delegación do CSIC en Galicia
Para aproveitar ao máximo as capacidades que nos confire a nosa pertenza ao CSIC, a Delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia apoia o Instituto dende a súa sede en Santiago de Compostela.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) conta case dende os seus inicios con Delegacións Institucionais nos diferentes territorios como un compoñente esencial dentro da súa estrutura organizativa. De feito, as de Galicia e Navarra creáronse en 1943. Estas delegacións actúan como servizos transversais á disposición de todos os centros que se atopan no seu territorio e promoven e fan posibles colaboracións para impulsar a investigación e a innovación. En Galicia, a Delegación ofrece os seus servizos a oito centros dentro da Comunidade Autónoma.
Ademais, na sé do IIM-CSIC en Bouzas, contamos con dúas persoas da Delegación encargadas das acción de Cultura Científica e Prevención de Riscos Laborais en todos os centros do país.
Visita a páxina web da Delegación en Galicia
Nos seus inicios, a partir da década dos 40, a Delegación en Galicia estivo presidida polo Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de vogais de recoñecido prestixio en distintos eidos académicos e profesionais.
En 1985, estableceuse a sede da Delegación galega nas instalacións do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela) e nomeouse delegado institucional a José Manuel Gallardo Abuín, profesor de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo).
En 2004, a Delegación do CSIC en Galicia trasladouse á súa actual sede: un emblemático edificio que aloxara con anterioridade o Seminario de Estudos Galegos, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e situado en pleno casco histórico de Santiago de Compostela (Rúa do Franco, número 2), a escasos metros da Catedral. O edificio, construído no século XVIII e restaurado no XX polos arquitectos Vaquero e Baselga para aloxar a sede do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” –que o ocupou ata 2001–, consta de dous andares e conta cunha biblioteca que alberga fondos editoriais do CSIC.