Únete ó IIM | Oportunidades de Doutoramento (FPI 2022)
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) ofrece un contrato predoctoral dentro do Programa para a Formación de Doutores da Axencia Estatal de Investigación (FPI), contratos outorgados pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) a persoas que desexen obter un doutoramento asociado a un proxecto financiado polas axudas para proxectos de I+D do Subprograma Estatal de Xeración de Coñecemento, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. Podes consular a listaxe de proxectos aquí.
As persoas aspirantes deben estar matriculadas ou admitidas nun programa de doutoramento dunha Universidade española, para o curso 2021/2022, ou estar en disposición de estalo na data en que se formalice o contrato. O programa cobre o contrato predoctoral durante un período de ata 48 meses para a realización da tese.
Por que o IIM?
O Instituto pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas, a maior organización de investigación de España, a terceira de Europa e a sétima do mundo. O IIM-CSIC é un dos institutos líderes en investigación mariña en España, cunha actividade diversa e unidades estratéxicas propias de Internacionalización, Transferencia e Cultura Científica. Con sede na cidade de Vigo, ofrecemos unha contorna de investigación dinámico que impulsa a carreira do noso persoal, ampliando as súas redes de colaboración e aumentando o seu impacto real na sociedade.
O proxecto de tese doutoral desenvolverase na liña do proxecto do Plan Estatal de I+D+i - PID2021-124955OB-I00 co título "BIVALVOS, MICROBIOMA E ENFERMIDADES".
A persoa seleccionada participará no estudo do xenoma e do transcriptoma do mexillón e a capacidade desta especie para responder fronte a potenciais patógenos. A resistencia ás enfermidades deste bivalvo contrasta coas frecuentes mortalidades que experimentan outros bivalvos cos que comparte ecosistema e condicións ambientais. Pretendemos incrementar o noso coñecemento sobre o control e equilibrio da súa resposta inmune en comparación coa doutros bivalvos como a ameixa (Ruditapes decussatus) e o berberecho (Cerastoderma edule).
Para iso, caracterizaremos as poboacións de hemocitos destes bivalvos, a súa resposta inmune e a súa microbioma, para determinar se existen diferenzas que expliquen as súas distintas susceptibilidades a enfermidades. Aplicaremos métodos de secuenciación masiva para estudos de transcriptómica, metatranscriptómica e proteómica. Ademais, estudaremos como se relaciona o microbioma do mexillón coa diversidade de microorganimos no ambiente mariño. Determinaremos se o microbioma dos moluscos filtradores pode reflectir a presenza de patógenos humanos e de especies de interese en acuicultura.
Supervisan:
Beatriz Novoa (beatriznovoa@iim.csic.es); Antonio Figueras (antoniofigueras@iim.csic.es)
Grupo de Inmunología e Xenómica
Antes de realizar os trámites, asegúrate de ler detidamente a Resolución da Convocatoria. Para enviar a túa solicitude, deberás usar a plataforma da sede electrónica do Ministerio de Ciencia e Innovación. Cada persoa poderá presentar unicamente unha solicitude que virá referida a un proxecto de investigación.
O prazo de presentación das solicitudes de participación será do 12 de xaneiro ao 26 de xaneiro de 2023 ás 14:00h (hora peninsular española).