Bolsas TFM | JAE Intro ICUs 2022
O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo (IIM-CSIC) ofrece 6 bolsas para realizar Traballos de Fin de Mestrado (TFMs) no marco das Bolsas JAE Intro ICUs 2022.
As bolsas consistirán nunha achega mensual de 800€ por un mínimo de 6 meses (xaneiro a marzo de 2023). A persoa candidata deberá ter un Título de Grao en materias relevantes a cada un dos proxectos, estar inscrita nun programa de mestrado e non ter iniciado aínda o seu Traballo de Fin de Mestrado.
Por que o IIM?
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) é unha opción perfecta para o comezo da túa carreira investigadora. O IIM representa unha das principais institucións de investigación mariña a nivel estatal e forma parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), principal organismo de investigación do país, cuarto en Europa e séptimo a nivel mundial.
O instituto oferta un entorno de investigación vivo e diverso, ideal para introducirse no mundo da ciencia. Somos un centro comprometido co impacto real na sociedade, creando novas redes de colaboración de forma activa grazas as nosas propias Unidades Estratéxicas de Internacionalización e Transferencia (IACIC) e Cultura Científica (UCC+i).
¡Traballa con nós e descobre, dende dentro, o mundo da investigación mariña!
Seis proxectos para iniciarte na investigación
O IIM-CSIC, como institución de investigación mariña dedicada ao desenvolvemento do coñecemento para o desenvolvemento sostible, realiza unha investigación multidisciplinar que responde os retos globais e ás inquietudes locais: permitindo unha comprensión integral e global dos ecosistemas mariños.
En canto á Convocatoria JAE Intro ICU2022, atópanse dispoñibles os seguintes proxectos de formación. Convídase as persoas solicitantes a poñerse en contacto cos supervisores e supervisoras para obter máis información:
Supervisan: Miguel Gil Coto e José M. Fernández Babarro
Grupos: Procesos Oceánicos en Cambio Global; Ecofisioloxía, Biomarcadores e Manexo Sostible de Bivalvos.
Referencia da oferta: JAEICU-21-IIM-09
No marco do proxecto de investigación STRAUSS (Efectos das ondas oceánicas no sistema de afloramento das Rías Baixas: dinámica da superficie en estudos de casos biolóxicos seleccionados), o IIM-CSIC desenvolveu dous dispositivos para medir o movemento de alta frecuencia de boias e bateas de mexillón. Ambos os dispositivos electrónicos, utilizan unidades de medida inercial (IMU) implementadas nunha plataforma Arduino con capacidade de rexistro e transmisión de datos (GPRS). Mediante este proxecto esperamos mellorar os algoritmos e o procesamento de datos, que permitan transformar os sinais IMU en parámetros que definan a ondulación do océano e os movementos resultantes en estruturas flotantes, tanto boias como bateas, que, en última instancia, producen desprendementos de mexillóns e problemas para o sector da acuicultura. O noso obxectivo é coñecer os réximes de ondulación nas Rías Baixas e o seu efecto na dinámica actual, así como o seu impacto no ecosistema.
Requisitos: Os solicitantes deben estar en posesión dun título de Grao en Ciencias do Mar, Ciencias Ambientais, Física, Enxeñería Industrial, Enxeñería de Telecomunicacións ou Enxeñería de Tecnoloxías Informáticas. Requírese unha nota mínima de 7.00 para os graos de ciencias e de 6.00 para os graos de enxeñería.
Contacto: mgilcoto@iim.csic.es; jbabarro@iim.csic.es
Supervisan: Eva Balsa-Canto e Xosé Antón Vázquez Álvarez
Grupos: Biosistemas e Enxeñería de Bioprocesos; Reciclado e Valorización de Residuos
Referencia da oferta: JAEICU-21-IIM-10
O obxectivo principal deste traballo de mestrado é desenvolver un modelo dinámico dun proceso de fermentación no contexto do concepto de Biorrefinería Mariña. Considerarase un tipo de cepa bacteriana probiótica e produtora de ácido láctico. En relación aos substratos, e en base ao concepto de Biorrefinería Mariña, traballaremos con fontes ricas en azucres - glicosa - (como efluentes xerados na cocción industrial de mexillóns) e fontes ricas en nitróxeno orgánico - peptonas - (obtidas de subproductos da pesca e acuicultura). Realizarase a experimentación a escala laboratorio. Os deseños experimentais estudarán o efecto combinado da temperatura e diferentes concentracións de substratos (glicosa e peptonas) sobre a cinética do crecemento bacteriano e a produción simultánea de metabolitos. Finalmente, adaptaremos modelos dinámicos, previamente desenvolvidos, para predicir e optimizar o proceso de fermentación.
Requisitos: Os solicitantes deben estar en posesión dun título de Grao en Biotecnoloxía, Enxeñería de Bioprocesos, Bioenxeñería, Enxeñería química ou Bioquímica. Requírese unha nota mínima de 7.00.
Contacto: ebalsa@iim.csic.es; jvazquez@iim.csic.es
Supervisan: María del Mar Costa Portela, Camino Gestal Mateo e Mónica Carrera
Grupos: Patobioloxía Molecular Mariña; Química de Produtos Mariños.
Referencia da oferta: JAEICU-21-IIM-11
O polbo común (Octopus vulgaris) é unha das especies mariñas de maior importancia económica no mundo, moi apreciada como alimento e actualmente obxecto dunha pesca extractiva activa. O seu cultivo ten un gran potencial na diversificación da acuicultura e recentemente cultivouse con éxito en sistemas experimentais. Moitas das partes do corpo das especies mariñas elimínanse antes de chegar ao consumidor final como subproductos para mellorar a conservación, reducir o peso do envío e aumentar a calidade do produto. Os subproductos comúns do polbo atraeron moito a atención recentemente debido ao descubrimento da presenza de varios compostos bioactivos relevantes. En particular, na mucosidade da pel, así como na tinta, foron descritas propiedades antimicrobianas e antioxidantes entre outras, xogando un papel crucial no mecanismo de defensa animal e actuando como barreira contra unha ampla variedade de axentes de estrés (químico, físico e biolóxico).
Estudos previos levados a cabo no noso grupo utilizando aproximacións proteómicas shotgun seguidas de análises bioinformáticos in-silico, permitiron a identificación de péptidos bioactivos no moco da pel e a tinta do polbo común. Propoñemos un estudo de selección deses potenciais biopéptidos e de sínteses de biomoléculas candidatas seguido dunha análise funcional para avaliar a capacidade destes péptidos como axentes antibacterianos, antivirais e antitumorais. Para iso, utilizaranse os péptidos sintéticos seleccionados para levar a cabo ensaios mirobiolóxicos in vitro, estudos de actividade enzimática antioxidante, así como ensaios de proliferación celular e quimiotácticos. Conseguir unha aplicación para descartes da pesca/cría de polbo, contribuirá significativamente a cumprir os obxectivos de pesca e acuicultura sostibles e será de interese para a identificación de novos subproductos mariños con propiedades farmacolóxicas bioactivas.
Requisitos: Os solicitantes deben estar en posesión dun título de Grao en Bioloxía, Bioloxía Mariña, Biotecnoloxía ou Bioquímica. A experiencia previa en xenómica será valorada. Requírese unha nota mínima de 8.00
Contacto: mcosta@iim.csic.es; cgestal@iim.csic.es; mcarrera@iim.csic.es
Supervisan: Natalia Petit Marty, Laura Casas e Fran Saborido Rey.
Grupo: Ecoloxía e Recursos Mariños.
Referencia da oferta: JAEICU-21-IIM-12
O obxectivo principal deste traballo de máster é poñer a punto unha innovadora metodoloxía que permitirá obter estimas de diversidade xenética en especies mariñas usando mostras de auga. O ADN ambiental de mostras de auga de mar contén ADN de diferentes especies, pero tamén de diferentes individuos dunha mesma especie. Desta maneira, esta técnica potencialmente ofrece a posibilidade de avaliar tanto a diversidade de especies como a diversidade xenética dentro de especies. Neste proxecto usaremos o xen mitocondrial Citocromo C oxidasa subunidad I (COI) que foi amplamente usado para análise filogenéticos (diferentes especies), como en xenética de poboacións (diversidade xenética dentro de especies). Ademais, actualmente disponse de técnicas de secuenciación que permiten obter secuencias completas (ex. PacBIO long-reads sequencing) do COI (haplotipos) e desta maneira estimas de diversidade xenética das especies contidas nunha mostra ambiental (metaxenomas). O proxecto consta dunha parte de traballo de laboratorio: extracción de ADN, amplificación por PCR do COI de diferentes individuos e especies de peces que serán usados como controis; e unha parte bioinformática que involucrará procesar as secuencias obtidas da secuenciación do ADN ambiental.
Requisitos: Os solicitantes deben estar en posesión dun título de Grao nunha materia relevante (é dicir, Grao en Bioloxía, Bioloxía Mariña, Bioinformática). Valoraranse coñecementos básicos de técnicas moleculares (extracción de ADN, PCR) e/ou coñecementos básicos de bioinformática (Blast). Requírese unha nota mínima de 7.00.
Contacto: npetit@iim.csic.es; lauracasas@iim.csic.es; fran@iim.csic.es
Supervisan: Natalia Petit Marty, Laura Casas e Fran Saborido Rey.
Grupo: Ecoloxía e Recursos Mariños.
Referencia da oferta: JAEICU-21-IIM-13
O obxectivo principal deste traballo de fin de máster é mellorar a anotación de secuencias codificantes de proteínas no novo xenoma da pescada (Merluccius merluccius) que está a producir actualmente o noso grupo de investigación. Aínda que o número de xenomas secuenciados creceu exponencialmente nos últimos anos, aínda hai unha gran brecha entre a dispoñibilidade de secuencias xenómicas completas e xenomas completos anotados con algún grao de fiabilidade. A secuenciación de transcriptomas de diferentes tecidos mellora notablemente a anotación dos xenomas, aportando máis veracidade e fiabilidade ás análises que se realizarán a posteriori con eles. Especialmente, as análises relacionadas coa adaptación de especies de peixes a diferentes ambientes requiren un nivel máis fino de anotación das secuencias codificantes de proteínas debido ao alto grao de duplicación xenética que sufriron os xenomas dos peixes óseos durante a súa evolución. Este proxecto forma parte da Acción Marie Curie FishAdapt, que ten como obxectivo avaliar o potencial de adaptación ao cambio climático en especies de interese pesqueiro.
Requisitos: Os solicitantes deben estar en posesión dun título de Grao nunha materia relevante (Bioinformática, Xenética ou afíns). Valoraranse coñecementos básicos de coñecementos de Xenómica e Bioinformática (Bases de Datos, Blat/Blast). Requírese unha nota mínima de 7.00.
Contacto: npetit@iim.csic.es; lauracasas@iim.csic.es; fran@iim.csic.es
Supervisan: Gabriela Ojeda Romano e José Pintado Valverde.
Grupo: UCC+i (Unidade de Cultura Científica e da Innovación).
Referencia da oferta: JAEICU-21-IIM-14
O impacto da investigación debe traducirse en beneficios económicos, ambientais, sociais e culturais que contribuen ao progreso e á transformación social cara a escenarios máis sostibles e territorios máis resilientes. No ámbito das ciencias mariñas, a promoción da cultura oceánica, a cultura científica e as prácticas participativas entre axentes sociais e outros colectivos, son elementos esenciais para catalizar o potencial transformador do coñecemento científico. Non obstante, as intervencións exitosas precisan dunha linguaxe común e un marco teórico básico que permita optimizar o fluxo de coñecemento e a apropiación social da investigación. O/a candidato/a seleccionado/a contribuirá a pechar a brecha entre o sistema de I+D+i e a sociedade, contribuíndo a conceptualizar un Marco de Xestión do Coñecemento Mariño transversal e especificamente adaptado ás singularidades do contorno sociocultural, económico, institucional e de innovación da Comunidade Autónoma de Galicia. Centrado no patrimonio cultural galego relacionado coa pesca, este traballo incluirá unha revisión exhaustiva da literatura e a implantación de metodoloxías deliberativas para identificar as bases dos coñecementos tradicionais a incluír no Marco de Xestión do Coñecemento do Mar a desenvolver.
Requisitos: Os solicitantes deberán estar en posesión dun título de Grao en Bioloxía, Bioloxía Mariña, Ciencias Ambientais, Ciencias Sociais, Xornalismo ou calquera outra disciplina relevante. Requírese unha nota mínima de 7.00.
Contacto: gojeda@iim.csic.es; pintado@iim.csic.es
Se estás interesado en solicitar un dos nosos proxectos de formación debes facelo a través da Sección JAE Intro da Sede electrónica do CSIC (Convocatoria JAE Intro ICU2022).
Todos os detalles na web de JAE Intro CSIC
Plazo aberto ata o 30 de outubro de 2022.
Na devandita solicitude é necesario seleccionar, a libre elección e sen orde de prioridade, ata tres plans de formación dos ofertados polos investigadores e investigadoras do CSIC.
Ten en conta que a aplicación che solicitará a seguinte documentación:
- Documento acreditativo de identidade vixente.
- Certificación académica persoal ou expediente académico.
- Currículum Vitae (segundo o modelo).
- Documentación oficial que acredite a formación complementaria que figure no CV.
- Carta de motivación do ou da solicitante, segundo modelo.
- Documento de preinscrición, inscrición ou admisión nun Mestrado Universitario oficial para o curso 2022-2023.