Dende o seu despacho no terceiro andar da sede do IIM-CSIC, Noelia Fajar lembra con tristura o día no que, chegando á súa residencia universitaria en Compostela, viu na tele a imaxe do Prestige medio afundido.

Fálanos agora como investigadora posdoutoral no grupo de Procesos Oceánicos en Cambio Global, onde estuda os procesos de acidificación oceánica.

Filla dun ex-traballador de superpetroleiros, veciña da vila mariñeira da Guarda, estudante de Química e activista do movemento “Nunca Máis”. Con só 20 anos a Noelia a traxedia tocáballe de preto por moitas vías diferentes.


A que te dedicabas nos días previos ao afundimento do Prestige?

Pois xustamente tiña 20 anos. Estaba empezando o 3º ano da Licenciatura de Química na Universidade de Santiago de Compostela. Xusto coincidía que era unha tempada na que tiña moi pouco tempo libre porque asistía as clases teóricas na facultade pola mañá e, pola tarde, voltaba ás aula para as prácticas de laboratorio. Practicamente estaba todo o día na facultade.

Como soubeches do afundimento? Lembras o que pensaches nese momento? Como foi cambiando a túa percepción do problema co paso dos días?

Nunha desas xornadas longuísimas, ese día cheguei tarde e moi apurada á ‘resi’ e tocoume comer soa, así que puxen as noticias e a imaxe do petroleiro semiafundido foi demoledora. As bágoas viñeron inevitablemente aos meus ollos! Recordo un sentimento de angustia: ¿e agora que?, ¿que van facer?

Eu son de mar, son dun pobo mariñeiro, A Guarda, aínda que na miña familia non hai tradición de pescadores. Con todo, tiñamos conexión co mar por outros motivos que nos achegaban moito máis á catástrofe: o meu pai, Eloy Fajar, traballou toda a súa vida facendo a carga e descarga de superpetroleiros por todo o mundo, como parte da empresa ESSO.

As primeiras informacións que chegaban eran máis unha desinformación. Non sentiamos que se estivera a seguir ningún protocolo de actuación, era unha sensación de caos total.

O meu pai só dicía: “¡iso descárgoo eu! Que o leven a un porto, que se descarga o barco e só fará dano nese lugar”. El viña de vivir na súa empresa a catástrofe do Exxon Valdez, e tiña coñecementos de emerxencias, pero ninguén collía os teléfonos.

A sensación na casa era de desánimo absoluta, pero na facultade non melloraba moito. Todo o mundo tiña unha opinión, sempre pensando en salvar a costa. Lembro que se fixeron experimentos de flotabilidade, de extracción, e seguramente mil cousas máis, pero eu inda era unha estudante e descoñecía moito do que seguramente fixeran os nosos ‘profes’.

Afortunadamente, o meu curso era moi proactivo e pronto puxémonos á fronte das manifestacións, facendo pancartas, carteis, pedindo colaboración... todo o que nos propuñan! A medida que pasaban os días, iso si, a situación volvíase máis pesimista; había moitos quilómetros de costa afectada, a pesar da marea de solidariedade que provocou a marea negra, o fuel semellaba afectar xa a toda a vida da costa.

Era, e é, moi, moi triste!

Como impactou sobre ti este evento? Tes algunha lembranza que se quedara contigo deses días?

A maior lembranza é a sensación de impotencia, nunha parte potenciada polas conversas na casa: era unha catástrofe de moita envergadura e, a pesar de que o meu pai tiña os coñecementos para axudar, non podía. Ten que ser devastador para el e moitos dos seus compañeiros galegos ver como, por erros humanos, se perde tanta diversidade.

Da facultade o que máis lembro é o ánimo de loita: ¡nunca máis! Esa frase que nos quedou a todos gravada para sempre.

Tamén o sentimento de unión, de xuntos somos máis fortes. O Prestige marcou profundamente á nosa promoción, de feito, unha das imaxes que puxemos no noso acto de licenciatura foi dunha manifestación histórica na que se ven ás nubes de chuvia sobre a Catedral de Santiago, nunha praza do Obradoiro ateigada de xente.

Todos nós estabamos alí, éramos parte daqueles puntos!

A resposta científica, social e política

Dende a túa perspectiva actual, que aportou a ciencia durante a crise do Prestige? Tívose en conta o coñecemento científico na toma de decisións?

Estando na facultade de Química lembro que chegaban mostras para analizar; pero logo, nos medios, semellaba que esta labor científica, as probas que se facían, era descoñecida. Non lembro unha sensación de unión, de loitar no mesmo sentido, entre institutos de investigación e a clase política responsable de dar resposta.

Como dixen antes, a sensación que imperaba era a de caos, de présa, ninguén quería ter o barco no seu porto e tampouco había unha clara instrución de obriga, un protocolo que acatar. Descoñezo se houbo comunicación directa, pero no fondo, todos os institutos e universidades estabamos ao servizo do goberno, hai moitos expertos en diferentes eidos que deberían ser escoitados.

O que si lembro con gran admiración son as imaxes de aquel equipo de científicos que se embarcaron nun minisubmarino para baixar ao barco afundido.

Lembro a miña sensación de ansiedade por estar metida nese batiscafo tantas horas. “Que valentes!” – pensaba – “Ogallá o que atopen sexa esperanzador”. O que non sabía era que Fiz Fernández Pérez, un dos valentes, sería o meu director de tese anos despois.

E a resposta cidadá e as limpezas que se realizaron nas praias? Foron determinantes á hora de paliar as consecuencias das mareas negras?

Desde logo, o máis impactante foi a marea de solidariedade. Na nosa zona do sur das Rías Baixas, afortunadamente, non chegou tanto fuel nin houbo tanta perda e desolación como noutras partes da costa galega.

Como dita o saber popular, as desgrazas unen a xente. Neses días viñeron persoas de todos lados a botar unha man. Creo que esa axuda foi importantísima á hora de quitar o fuel. Doutro xeito, os traballos de limpeza seguramente durarían moitísimo máis porque, recuperando de novo o saber popular: las cosas de palacio van despacio.

O impacto, a recuperación e o futuro

Dende o teu eido de estudo, aprécianse consecuencias a día de hoxe do afundimento? Cres que coñecemos, realmente, o alcance do impacto?

Vinte anos despois daquel momento son investigadora no IIM-CSIC, licenciada en Química e doutorada en Oceanografía Química.

Con todo, dende que comecei a investigar o océano en 2008, o meu ámbito de estudo non está moi relacionado coa contaminación costeira. Eu céntrome máis en outros procesos que pretenden cuantificar a acidificación oceánica medindo as substancias que se producen cando o CO2 se disolve na auga de mar.

Por tanto, descoñezo se algún grupo ou centro de investigación ten aberta unha liña de traballo neste eido. O que si penso é que para poder avaliar a volta á “normalidade” de certos ecosistemas precisamos ter información histórica de datos de pH das zonas afectadas, de antes e, tamén, de durante e despois.

As zonas costeiras teñen unha dinámica particular e están afectadas por moitos procesos característicos de cada ría que habería que ter en conta. Precisamos estudos e investigación se queremos coñecer realmente o seu estado.

Na túa opinión, que precisaríamos para evitar, de novo, un accidente coma este? E para evitar as súas consecuencias?

Como todos os galegos, espero que non volva a suceder unha catástrofe similar a do Prestige, ¡xa nos chegou ben! O corredor Atlántico ten un tráfico marítimo moi importante polo que pasan moitísimos buques con diferentes perigos para as nosas costas. Gustaríame pensar que agora si estamos preparados para abordar calquera incidencia desde o seu comezo, pero descoñezo totalmente as leis que hai ao respecto e os plans de emerxencia.

Dende logo, espero que se teña aprendido que é mellor “previr que lamentar”.

Que pode aportar a ciencia en futuras crises?

Coa pandemia da covid demostrouse sobradamente que os científicos estamos para axudar a poboación e penso que a xente valora máis o coñecemento científico.

No caso de repetirse outro accidente destas características confiarase máis no bo facer dos científicos: nas tomas de mostras e súa análise, ferramentas estatísticas e tratamento dos datos, etc. A poboación demandará máis a nosa axuda e espero que os que gobernan tamén.

More