Capacidades e produtos de innovación
- Capacidades | Avaliación do valor nutricional dos produtos do mar e deseño de tratamentos e produtos para nutrición personalizada
Deseño e desenvolvemento de produtos do mar para persoas consumidoras obxectivo (terceira idade, mocidade, pacientes con diabetes ou alerxias ao marisco, etc.) que cumpran uns requisitos específicos tanto nutricionais como de seguridade e sostibilidade. Desenvolvemento de técnicas (metabolómicas, proteómicas, xenómicas, lipidómicas, etc.) mediante o uso de modelos animais e cultivos celulares para caracterizar a resposta a unha dieta de pacientes ou persoas consumidoras e deseñar tratamentos e produtos para unha nutrición personalizada (p. ex., nutracéuticos, produtos do mar hipoalerxénicos, inmunoestimulantes, alimentos funcionais, etc.).
- Capacidades | Biorremediación
Tratamento microbiolóxico de verteduras de petróleo (biorremediación) en medios mariños. Aplicación de dispersantes e axentes de limpeza costeira en condicións seguras dende o punto de vista ecotoxicolóxico para eliminar o petróleo adherido na superficie das rochas.
- Capacidades | Prospección de novos compoñentes bioactivos
Prospección de novos compoñentes bioactivos en organismos mariños e en subprodutos da industria alimentaria, incluída a caracterización da súa actividade e a validación da súa aplicación en diferentes sectores (sanitario, cosmético, nutrición, etc.).
- Capacidades | Desenvolvemento de probas de bioactividade in vivo para biomoléculas mediante o uso de modelos animais
Uso de modelos animais (peixe cebra, rodaballo, rato, etc.) como sistemas modelo para estudar a bioactividade de diferentes compostos, así como de enfermidades que afectan a peixes e a seres humanos (choque séptico, doenzas inflamatorias, etc.).
- Capacidades | Caracterización de propiedades fotosintéticas e subprodutos do fitoplancto
Caracterización das propiedades fotosintéticas e dos subprodutos de diversas especies de fitoplancto en condicións de laboratorio, de cultivo industrial e naturais.
- Capacidades | Ómica avanzada aplicada a organismos mariños
Estudos sobre a estrutura do xenoma de organismos mariños, incluído o mapeado xenético, a secuenciación de ADN, como se produce o conxunto completo de transcritos de ARN polo xenoma e como se ve afectado polo desenvolvemento, as doenzas ou os factores ambientais que determinan o fenotipo, especialmente a proteómica e a metabolómica, utilizando sempre as técnicas máis avanzadas (ATAC-seq, MethylCap-Seq, RNA-seq, tecnoloxía de ADN recombinante, CRISPR/Cas9 knockin e knockout , enhancer detector (ZED),tecnoloxías transxénicas Tol2 kit e BAC, etc.).
- Capacidades | Desenvolvemento de novos produtos alimentarios a partir de subprodutos da pesca e da acuicultura
Desenvolvemento de procesos para a transformación de descartes e subprodutos do mar en novas materias primas (pasta de peixe, aceite de peixe, etc.) con valor engadido para a xeración de innovadores produtos alimentarios procesados (hamburguesas, nuggets, etc.), garantindo a súa trazabilidade, o seu valor nutricional e a súa seguridade ao longo de novas cadeas de valor.
- Capacidades | Desenvolvemento de variedades de especies de acuicultura resistentes a patóxenos
Aplicación das máis avanzadas técnicas de -ómica para identificar xenes de resistencia que poden usarse como biomarcadores para seleccionar variedades de especies de acuicultura mariña que sexan resistentes a patóxenos.
- Capacidades | Desenvolvemento de bioprocesos (biorrefinerías) para extraer bioprodutos e compostos bioactivos a partir de subprodutos da industria alimentaria
Desenvolvemento de bioprocesos que permiten extraer compoñentes útiles de interese industrial a partir de descartes e de subprodutos e efluentes da industria alimentaria. Caracterización bioquímica de compoñentes útiles presentes en distintos tipos de produtos e subprodutos pesqueiros, como coláxeno da pel, encimas das vísceras, condroitín sulfato presente na cartilaxe, quitina das coirazas de crustáceos e das cunchas de xiba ou hidrolizados de proteínas obtidos do músculo. Avaliación de aplicacións potenciais destes compostos mediante a caracterización das súas actividades biolóxicas (antioxidantes, etc.) e as súas propiedades funcionais para o seu uso en diversas industrias, como a biomédica, química, cosmética, alimentaria, etc.
- Capacidades | Desenvolvemento de inmunoestimulantes e vacinas para especies de acuicultura
Aplicación das técnicas de -ómica máis avanzadas, xunto con técnicas de inmunoloxía, microbioloxía e bioquímica de proteínas, para desenvolver inmunoestimulantes e vacinas para especies de acuicultura.