O IIM participa nun estudo que desvela as claves da alta produtividade das rías galegas
A causa podería ser a rápida resposta do crecemento do fitoplancto aos pulsos do vento
As rías galegas constitúen un exemplo de baías de afloramento, polo que son un dos lugares máis produtivos do planeta, caracterizadas por unha elevada produción pesqueira e marisqueira. A pesar de que tanto as baías como as augas da plataforma continental fertilízanse pola entrada de nutrientes asociada ao afloramento costeiro, non están claros os factores responsables da extraordinaria produtividade das baías.
Para achegar algo de luz neste eido, o IIM participa nun estudo, liderado por un equipo de investigadores do Grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB) do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo, xunto con científicos da University of California San Diego e a University of Southampton. O obxectivo do estudo foi desvelar as claves do crecemento do fitoplancto -pequenas algas microscópicas que son a base das cadeas tróficas mariñas- nas rías galegas.
O estudo levouse a cabo durante unha campaña oceanográfica realizada nas rías de Pontevedra e Vigo entre os meses de xuño e xullo de 2018 no marco do proxecto Remedios. Os resultados obtidos amosan que “a rápida resposta do crecemento do fitoplancto aos pulsos do vento no interior das rías podería explicar a súa elevada produtividade”. As conclusións recóllense nun artigo que acaba de ser publicado pola revista Limnology and Oceanography Letters. A autora principal do estudo é Esperanza Broullón (a investigación forma parte da súa tese de doutoramento), e xunto con ela asinan o artigo os investigadores do CIM Antonio Fuentes Lema, María Pérez Lorenzo, Emilio Fernández e Beatriz Mouriño, coordinadora do proxecto e directora da tese doutoral.
Encabezando a participación do IIM-CSIC, asina o estudo Miguel Gil Coto, tamén participaron no estudo Peter Franks, da University of California San Diego e Bieito Fernández Castro, da University of Southampton.
O papel do vento
O estudo describe como os cambios a curto prazo no forzamento do vento xogan un papel clave na elevada produtividade biolóxica das rías. Así, a topografía local canaliza os ventos ao longo das rías, empurrando a auga superficial cara a fóra e provocando que a auga profunda rica en nutrientes ascenda rapidamente cara a superficie dentro das rías. Esta circulación responde á variabilidade do vento en 6 horas, tres veces máis rápido que nas augas da plataforma. Neste contexto, explica Esperanza Broullón “curiosamente o crecemento do fitoplancto nas rías tamén ocorre a escalas temporais similares. Sincronicamente co afloramento de augas ricas en nutrientes, o fitoplancto exponse á luz solar e responde rapidamente absorbendo os nutrientes, o que dá como resultado un aumento na súa biomasa e produción ”.
Deste xeito, “a harmonía entre as escalas temporais dos afloramento impulsado polo vento e o crecemento do fitoplancto podería explicar a maior produtividade das rías galegas, e doutras baías de afloramento con morfoloxías e orientacións similares”, sinala Beatriz Mouriño. O equipo científico destaca que este coñecemento servirá non só para beneficiar ás pesqueiras locais e mellorar a produtividade, senón que tamén será de utilidade na detección temperá e o seguimento da proliferación de algas nocivas. Ademais, explica Esperanza Broullón “estes resultados revelan que as predicións sobre a evolución dos ecosistemas costeiros de afloramento en escenarios de cambio global deberían ter en conta non só as tendencias na intensidade media do vento, senón tamén os cambios nos patróns de variabilidade do vento a curto prazo”.
Proxecto Remedios
Os traballos leváronse a cabo durante tres semanas a bordo do buque oceanográfico Ramón Margalef no marco do proxecto multidisciplinar Remedios, no que científicos da Universidade de Vigo, o Centro Oceanográfico de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, Intecmar, Ifremer, a Universidade de Southampton e a University of California San Diego analizaron os factores que condicionan a riqueza das rías galegas, responsables do 95% da produción nacional de mexillón e do 50% da produción europea.
O equipo internacional, liderado pola investigadora do CIM Beatriz Mouriño, desenvolveu varios estudos e liñas de traballo para analizar os factores que desencadean o crecemento do fitoplancto e a importancia que ten a mestura das diferentes capas que forman os océanos. No marco deste proxecto tamén obtiveron datos que permitiron determinar que a bioturbulencia que xeran os peixes axuda na mestura e na distribución de nutrientes nas augas costeiras.