Páxina web do PCCMMG

O venres 26 de abril, na sede do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), terá lugar a reunión de seguimento do PT11 dentro do Programa de Ciencia Mariñas de Galicia (PCCMMG). O equipo de coordinación estará formado por Pepe Pintado (IIM-CSIC)  e  Domingo Antonio García Allut (UDC)

Ferramentas de transformación social para o desenvolvemento sostible de Galicia no medio mariño (PT11)

O impacto da investigación debe verse traducido en beneficios económicos, ambientais, sociais e culturais que contribúan ó progreso e transformación social cara a realidades máis sostibles e territorios máis resilientes. Para que se produza o devandito impacto, requírese que: 1) o coñecemento científico chegue ós diferentes sectores e actores públicos e privados, así como á cidadanía no seu conxunto e, 2) que os receptores sexan permeables a este coñecemento, de forma que se maximice o seu alcance e aproveitamento e poida enraizar, resultando nunha integración efectiva e significativa a todos os niveis. Facilitar a canalización adecuada do fluxo deste coñecemento, conferiríalle un maior potencial transformador e suporía un avance na sustentabilidade mariña.

Este paquete de traballo desenvolverá un Modelo Integrado de Xestión do Fluxo de Coñecemento Científico en ciencias mariñas (canles, resultados, tecnoloxías, conceptos, datos, métodos, etc.), adaptado especificamente ó contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional da Comunidade Autónoma de Galicia, e baseado na cultura científica, a transferencia e a capacitación como catalizadores para a innovación e a transformación social, e desde xeito, avanzar cara a un cambio de paradigma na xestión do coñecemento científico, onde prime unha concepción holística e integrada do mesmo.

Este modelo permitirá crear estratexias para que os resultados da I+D+i en ciencias mariñas 1) xeren cultura oceánica a través da sensibilización, a educación e a participación da sociedade, 2) adquiran valor social, económico e patrimonial, e 3) xeren capacidades, tanto en ámbitos profesionais como non profesionais, contribuíndo a un desenvolvemento sostible de todas aquelas actividades vencelladas o ámbito mariño, sobre as bases da economía azul e da Investigación e Innovación Responsables (Responsible Research and Innovation -RRI-), con vistas a favorecer unha transformación social inclusiva e sostible. Esta proposta articularase en:

  • Un MARCO CONCEPTUAL, que incluirá a análise do contexto;
  • METODOLOXÍAS E PROTOCOLOS, coma o deseño dun sistema de avaliación e seguimento adaptado; principios de boa gobernanza a implementar nos procesos participativos, entre outros;
  • FERRAMENTAS de apoio, ben a partir da adaptación dalgunhas xa existentes e/ou de nova creación.

Estes instrumentos aplicaranse con carácter piloto en, cando menos, dous dos restantes paquetes de traballo do Programa de Ciencias Mariñas (PCCiencias Mariñas). Este enfoque demostrativo permitirá obter CASOS DE ESTUDO que comprobarán a funcionalidade e robustez do modelo para potenciar e amplificar o impacto social das liñas temáticas que o Programa prioriza para o futuro (Liña 1. Observación e control do medio mariño e litoral e Liña 2. Acuicultura sostible, intelixente e de precisión).

Como produto final, obterase para cada unha das áreas (Capacitación, Transferencia e Cultura Científica) unha guía, con estrutura similar en cada unha delas, que permitirá as sinerxías entre as aproximacións e o transvasamento de coñecementos e boas prácticas entre as áreas e entre as organizacións promotoras, incrementando a posibilidade de levar a cabo accións coordinadas, reforzando a rede e facilitando a aplicabilidade das ferramentas xeradas a varios ámbitos. O seu uso e aplicación está dirixida tanto ó persoal investigador e técnico, como ós servizos e unidades especializadas, para reforzar así as capacidades de soporte no conxunto do sistema.

Esta proposta, de aproximación transdisciplinar e multiaxente, basearase na cooperación interinstitucional permitindo á comunidade investigadora e ás organizacións das que forman parte crear e traballar nunha REDE, de forma coordinada, baixo un marco común que aglutine e explote recursos e capacidades, dotando dunha maior axilidade e fluidez ó ecosistema de innovación en nosa CCAA. A estrutura en rede permitiría atender ó mesmo tempo, con xeometrías e dinámicas variables, as necesidades de capacitación, transferencia e cultura científica.

Nesta páxina podes ver máis detalles sobre os paquetes de traballo asociadas ao PCCMMG .

Paquetes de traballo

Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O IIM-CSIC coordina, xunto co CETMAR e a Universidade de Vigo, o novo Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, coa protección e xestión sostible dos servizos dos ecosistemas mariños como o seu principal reto, implicando a máis de 89 grupos de investigación galegos.

Esta nova estratexia actuará a través de tres grandes liñas de actuación: a observación e seguimento do medio mariño e do litoral; acuicultura sostible, intelixente e de precisión, e innovación, coñecemento e oportunidades para adaptarse ao cambio na economía mariña.

Programa financiado polos fondos europeos FEMP/FEMPA e NestGenerationEU, polo Goberno de España - Ministerio de Ciencia e Innovación a través do PRTR e pola Xunta de Galicia.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia é un dos sete programas de Ciencias Mariñas dos Plans Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forman parte do Compoñente 17, Investimento 1 do Plan de Transformación e Recuperación da Resiliencia da UE. As accións do Programa fináncianse unhas a través dos fondos Next Generation EU e outras a través do Fondo Europeo Maritimo de Pesca e Acuicultura (FEMP/FEMPA).

Nesta páxina podes ver máis detalles sobre as accións asociadas ao Programa lideradas polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.

Páxina do programa IIM-CSIC

More