Sobre o IIM
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) é un dos principais centros de investigación mariña da Península Ibérica. Mirando cara ao Atlántico dende Vigo, unha cidade cunha profunda conexión co mar, o IIM-CSIC enfróntase ao reto de avanzar no noso coñecemento sobre o océano, dende as súas características físicas ata os alimentos que tomamos del e os procesos que interconectan todo o sistema.
Como parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no IIM gabámonos do carácter interdisciplinario do noso traballo, que ten por finalidades contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e brindar apoio á sociedade á hora de superar os enormes retos aos que nos enfrontamos.
Mergúllate no noso vídeo institucional
Establecido en 1951, o Instituto de Investigacións Mariñas xogou un papel clave na nosa comprensión do océano e na nosa relación con el. Tras sete décadas, seguimos gardando a emoción polo noso futuro e o camiño definido pola nosa visión.
A ciencia fana persoas. Dende o persoal técnico ata o científico, pasando por estudantes e persoal de apoio, arredor de 200 persoas traballan continuamente no Instituto de Investigacións Mariñas para axudar a sociedade a se enfrontar aos seus retos.
Como institución pública de investigación, o noso obxectivo no IIM é levar a cabo investigacións que teñan un impacto real e significativo na sociedade, tanto a nivel local como global, sendo en todo momento transparentes no referente ao noso uso de recursos e xerando novas colaboracións tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.