O IIM, a UCO e a AESAN organizan mañá en Madrid a xornada “'Listeria monocytogenes': Un reto para a seguridade alimentaria"
Listeria monocytogenes, causante da listeriose, está considerada polas axencias de seguridade alimentaria como unha das bacterias patóxenas transmitidas por alimentos máis relevantes para a saúde pública.
O encontros servirá para xerar un foro de debate entre diferentes axentes da seguridade alimentaria e tamén dar a coñecer algúns dos resultados que se están a conseguir no marco do proxecto ASEQURA.
Santiago de Compostela, lunes 3 de junio de 2024. O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e a Universidade de Córdoba (UCO) celebrarán mañá en Madrid a conferencia “Listeria monocytogenes. Un reto para a seguridade alimentaria”, un evento ao que se prevé a asistencia de máis de 2.000 persoas de forma presencial e virtual.
Organizado coa colaboración da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), desenvolverase en xornada de mañá e tarde no Ministerio de Sanidade (Paseo do Prado, 18-20).
O obxectivo da xornada é xerar un foro de debate entre os diferentes axentes do sector alimentario arredor dos principais problemas asociados á incidencia e control de Listeria monocytogenes , abordando cuestións que van desde a súa persistencia en plantas procesadoras ata o risco de contaminación dos alimentos, mediante medidas para a súa vixilancia, o seu control mediante sistemas de saneamento e a xestión dos focos de listeriose.
A inauguración, ás 10.00 horas, correrá a cargo de Isabel Peña Rey, directora executiva da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición. A continuación, os investigadores Antonio Valero e Elena Carrasco (UCO) e Marta López e Juan R. Herrera (IIM-CSIC) exporán os principais resultados acadados no proxecto ASEQURA. Este proxecto, financiado pola Axencia Estatal de Investigación no marco da Convocatoria de Proxectos de I+D (2019), tivo como obxectivo contribuír a reducir o risco de listeriose polo consumo de alimentos.
Despois disto haberá diferentes relatorios impartidos por expertos da Xunta de Andalucía, Universidade de León, Universidade Autónoma de Barcelona, Christeynes España, Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura do CSIC, Axencia de Saúde Pública de Barcelona e Federación Española de Industrias de Alimentos y Bebidas (FIAB). Entre outros temas, abordarase a xestión de brotes, como implantar un programa de vixilancia eficaz e o problema da persistencia de L. monocytogenes ou experiencias reais de control de L. monocytogenes na industria alimentaria.
A xornada concluirá arredor das 17:00 horas cunha mesa redonda na que participan AESAN e o Centro Nacional de Alimentación, e na que se tratarán diferentes temas candentes no terreo, e un bloque final dedicado ás conclusións.